Skip to main content

Silleda acollerá a fase final do primeiro torneo autonómico de 'League of Legends' os días 21 e 22 de decembro

A Xunta de Galicia organizará a fase final do primeiro torneo autonómico de League of Legends (LOL) os días 21 e 22 de decembro no recinto da Feira Internacional de Galicia en Silleda. Así o anunciou a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, nunha das fases iniciais desta competición que hoxe ten como escenario o Espazo Xove de Tui.

O obxectivo é configurar un completo fin de semana de competición entre os 16 equipos que se clasifiquen para a fase final. Cómpre lembrar, que nos Espazos Xoves de menor poboación (Betanzos, Curtis, Noia, Pontedeume, Vilalba, Viveiro, Chantada e Tui) clasifícase un equipo de cada zona, mentres que nos catro de maior poboación (Carballo, Ourense, Lalín e Vilagarcía) son dous os equipos que chegarán.

Deste xeito, o sábado 21 do vindeiro mes terán lugar os oitavos de final que se disputarán de xeito simultáneo en catro espazos diferentes dentro do recinto. Xogaranse tres partidos en cada espazo, e os que gañen dous pasarán á seguinte fase. O día 22 disputaranse pola mañá os cuartos de final e as semifinais a partida única, mentres que pola tarde será a gran final na que o equipo gañador resultará ser o mellor de tres partidas.

Cada membro do equipo gañador será obsequiado cunha tarxeta de Riot Points, valorada en 100 euros, a través da que se poderán adquirir diversos elementos dentro do xogo, ou con outra tarxeta regalo a determinar pola organización. Os membros do equipo que quede en segunda posición recibirán material de promoción da Consellería de Política Social.

Esta fase final do I Torneo autonómico de League of Legends (LOL) nos Espazos Xoves será aberta a todo o público, que poderá seguir a competición na pantalla do escenario principal. Cómpre destacar que a conexión a internet e os equipos informáticos que se empregarán durante esta fase final serán subministrados pola compañía R.

Transporte, aloxamento e manutención

A Xunta de Galicia ofrecerá transporte, aloxamento e manutención de carácter gratuíto aos membros dos 16 equipos clasificados para esta final. O transporte será de ida o sábado pola mañá e de volta o domingo pola tarde. Os autobuses sairán de cada un dos Espazos Xove nos que se realizou a primeira fase do torneo.

No referente ao aloxamento, os equipos clasificados poderán aloxarse nun pavillón independente do recinto, pero si é preciso que traian a súa propia tenda de acampada, saco de durmir e útiles de aseo. Así mesmo, terán acceso a duchas e lavabo. En canto á manutención, os equipos finalistas contarán con servizo de comida e cea o sábado 21, así como con almorzo e comida o domingo 22.

O Goberno galego puxo en marcha este proxecto pioneiro en Galicia, que está destinado a mozas e mozos de entre 18 e 30 anos e se está a celebrar nos 12 Espazos Xoves xestionados pola Administración autonómica, co fin de favorecer a participación da xuventude da zona e da contorna próxima. Ademais, procura promover o coñecemento, a formación e o ocio ao redor dos videoxogos.
Feira Internacional de Galicia en Silleda