Skip to main content

Inaugurada na Coruña a mostra 'Luis Seoane' do Museo de Belas Artes da Coruña

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, inaugurou hoxe na Coruña a mostra Luis Seoane do Museo de Belas Artes da Coruña. O legado de Maruxa Seoane, onde se fai un achegamento á obra de Luís Seoane incluíndo obras desde principios dos anos 50 ata pouco antes do seu falecemento, en 1979. Trátase dunha gran exposición impulsada pola Xunta de Galicia na que, coincidindo co ano no que a Real Academia de Belas Artes dedicou o Día das Artes Galegas á figura deste polifacético pintor, faise un especial acento na persoa de Maruxa Seoane, como promotora do importante legado de Seoane.

Durante a inauguración, o titular de Cultura e Turismo subliñou a figura de Luís Seoane e referiuse a el “como un referente fundamental para a cultura galega”. “Seoane representa mellor que ninguén o sentir político e cultural da emigración galega nas Américas”, destacou antes de explicar que a mostra exposta no Museo de Belas Artes da Coruña “ofrece unha parte pouco coñecida para a opinión pública da súa obra”.

O discurso expositivo desta mostra, que representa un amplo abanico de temas, técnicas e estilos de Luís Seoane, está dividido en catro grandes bloques temáticos que ocuparon un importante lugar no seu universo iconográfico. O primeiro deles está dedicado á muller galega, o segundo á natureza e á paisaxe, o terceiro á guerra e a denuncia social e o último céntrase nos mitos, tradicións e lendas con referencias a fantasías ou contos populares.

A exposición incorpora tamén unha sección introdutoria de carácter pedagóxico onde se se desmenuzan, baixo unha formulación estritamente didáctica, as distintas facetas profesionais desenvoltas por Luís Seoane e as técnicas que empregou ao longo da súa traxectoria. Ademais, como actividade educativa complementaria, o Museo de Belas Artes da Coruña ten programadas visitas guiadas a centros escolares, grupos e visitantes individuais, así como obradoiros de gravado onde se traballarán as técnicas empregadas por Seoane.
Museo de Belas Artes da Coruña