Skip to main content

O Programa Erasmus+ amplíase ao alumnado de doutoramento para realizar estadías de investigación en países europeos

Esta iniciativa, posta en marcha no ano 2018, require que as Comisións Académicas dos Programas de Doutoramentos asinen previamente un convenio de intercambio coa universidade europea coa que lles interesa realizar a mobilidade. Neste momento existen un total de 145 prazas nun total de 72 destinos en toda Europa, que se poderán solicitar ata o curso académico 20/21.

Axuda económica compatible

“A vantaxe primordial que presenta esta mobilidade Erasmus+ dirixida a alumnado de doutoramento é que é compatible con fondos doutras institucións autonómicas ou estatais ou internacionais”, indica Ana Guerra Fidalgo, responsable da xestión deste programa no Servizo de Relacións Exteriores. “Os beneficiarios poden optar a axudas cunha dotación entre 200 e 300€ mensuais, en función do país de destino ata un total de 7 meses. No caso dalgunhas zonas ou cidades onde o custo de vida é menor, esta cantidade pode cubrir parte dos gastos de aloxamento ou manutención”, destaca Guerra.

Actualmente están a participar 17 centros da USC dun total de 20 programas de doutoramento. Os estudantes interesados deberán comprobar que o Programa de Doutoramento no que están matriculados oferta prazas. De non existir prazas nese momento poden consultar ao Servizo de Relacións Exteriores se existen convenios en trámite.

Tese con mención internacional

Pola súa banda, Pablo Taboada Antelo, Director da Escola de Doutoramento Internacional da USC, destaca a importancia de realizar unha estadía no estranxeiro para o alumnado de doutoramento. “Participar nunha estadía dun mínimo de 3 meses no estranxeiro é un requisito imprescindible para acadar a mención internacional no seu título de Doutoramento”, indica Taboada.

Ademais da estadía, para acadar dita mención é necesario que sexa emitido un informe favorable da tese de doutoramento por dous expertos pertencentes a institucións estranxeiras e escribir polo menos o resumo e conclusións da tese nunha lingua foránea. Asemade, requírese tamén que un dos membros do tribunal proceda dunha universidade estranxeira e que non sexa o responsable da estadía do doutorando e que parte da defensa da tese se faga noutra lingua.

Taboada indica tamén que a mobilidade no Doutoramento é moi importante de cara a complementar a formación do doutorando/a. “Entrar en contacto con grupos de investigación do mesmo eido no estranxeiro fomenta o intercambio de coñecemento, aportando novas formas de traballar e creando novas sinerxías”, afirma.
Universidade de Santiago de Compostela