Skip to main content

Expertos nacionais e internacionais analizarán en Santiago os retos e oportunidades da innovación en saúde

O foro pretende operar como espazo de discusión e intercambio de experiencias sobre a innovación sanitaria entre os profesionais do sector (entidades públicas e privadas, emprendedores e demais expertos de primeiro nivel).

A xornada, que será inaugurada este xoves polo conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, e polo conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, conta entre os ponentes convidados coa presidenta da Fundación Cotec e exministra de Ciencia e Innovación, Cristina Garmendia, que intervirá o venres cunha análise sobre o papel da innovación na construción da sanidade do futuro. Na mesma xornada, tomarán parte como conferenciantes a asesora europea en innovación e pensamento en rede, Daria Tataj, e a directora de Proxectos Colaborativos Eurofins-Ingenasa e exsecretaria de Estado de Investigación, Desenvolvemento e Innovación, Carmen Vela.

A xornada permitirá coñecer de primeira man iniciativas adoptadas no terreo da innovación. Por exemplo, coa presentación de InnovaIUS.Lab, unha ferramenta orientada a facilitar o deseño de contratos de compra pública innovadora que sirvan como motores da I+D+i. A rede galega de Living Labs de Saúde, concibida como vía de colaboración entre o sistema sanitario, a academia, a industria e a sociedade para axilizar os resultados de innovación, será outra das propostas protagonistas.
Axencia de Coñecemento en Saúde