Skip to main content

Publicación dos tribunais designados para cualificar os procesos selectivos para o ingreso por promoción interna nos corpos da administración xeral da Xunta

As instancias presentadas foron 2310. O número de funcionarios admitidos nestes procesos de promoción interna é de 2254; dos que 134 corresponden ao corpo superior (grupo A), 418 ao corpo de xestión (grupo B), 1362 ao corpo de administración (grupo C) e 340 ao corpo auxiliar (grupo D) da Xunta de Galicia. O número de prazas para o grupo A é de 47; para o grupo B 55; grupo C 200 e grupo D un total de 100.

As convocatorias foron moi ben valoradas, por ser a primeira vez que se formulan de xeito separado ás de acceso libre, así como por reservar para a promoción interna un importante número de prazas que, nalgún corpo, iguala ás ofertadas para acceso libre.

Ambas circunstancias determinaron unha boa acollida das convocatorias dos procesos selectivos para o ingreso por promoción interna e crearon a lóxica expectativa e demanda dos funcionarios.

Os tribunais, que se constituirán a maior brevidade posible, están compostos por cinco membros, dos que un é designado polas organizacións sindicais que teñen representación na Función Pública de conformidade coa normativa de aplicación. Para a composición dos catro tribunais contouse coa colaboración de persoal doutras administracións públicas, como a administración local e as universidades.

O primeiro exercicio, previsiblemente, realizarase durante o presente mes de abril.

A Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública a través da Dirección Xeral da Función Pública, realizará tódolos esforzos necesarios na súa función de preparación, coordinación e supervisión de toda a organización dos procesos selectivos, dentro do escrupuloso respecto ás funcións propias dos tribunais cualificadores.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia