Skip to main content

Preséntase o libro 'B.S.O. Banda Sonora Orixinal', de Pablo Nogueira, gañador do IV Concurso 'Balbino' de Relatos

A Biblioteca Municipal Varela Jácome de Lalín acollerá o venres a presentación do libro gañador do IV Concurso “Balbino” de Relatos, “B.S.O. Banda Sonora Orixinal”, da autoría de Pablo Nogueira. O acto contará coa presenza do profesor e escritor Xoán Carlos García Porral; a tamén profesora e escritora Charo Golmar; o presidenta da Fundación Xosé Neira Vilas, Fernando Redondo; a concelleira de Cultura do Concello de Lalín, Begoña Blanco; e o autor do libro, Pablo Nogueira.

A obra

A música vertebra e estrutura B.S.O. Banda Sonora Orixinal, por cuxa partitura discorren a modo de notas discordantes unha serie de personaxes cun certo pasado pero cun incerto futuro, sempre tentando encaixar nos espazos e nas liñas xustas do pentagrama.

Unha estrutura traballada con prosas que se enlazan entre si, dando o final dunhas pé ao comezo doutras de xeito que os distintos capítulos se suceden coma se fosen escenas curtas dunha película, pequenos fragmentos dunha mesma historia pero sempre cosidos polo fío da música, sendo o cine o outro eixo esencial desta obra.

Unha unión entre a música e o cine nun marco xeográfico particular e nun contexto social moi concreto, que fai ás veces de fonte de inspiración esencial para unha novela marcada pola calidade e eficiencia da súa escrita nunha intelixente integración de abondosas referencias ao mundo musical e cinematográficas.

Colaboracións

Este libro, publicado por Edicións Fervenza, foi a obra que resultou gañadora do Concurso “Balbino” de Relatos, no que colaboran a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, o departamento de Cultura e Lingua da Deputación de Pontevedra, o Concello de Boqueixón, o Concello de Vila de Cruces e a Fundación Xosé Neira Vilas.

Pablo Nogueira (O Carballiño, 1987)

Influído polos seus irmáns comeza, xa de cativo, unha gran paixón pola música e a lectura que desembocará nun amor incondicional polos libros.

En Compostela estuda Maxisterio, Psicopedagoxía e Mestrado en investigación en educación, diversidade cultural e desenvolvemento comunitario. Exerce de mestre no ensino público e compaxina esta labor coa súa afección á música, dentro da banda de rock “Susie Q’s”, colaborando tamén no proxecto instrumental Acuario Sonoro.

A súa faceta literaria chega coa publicación de dous títulos infantís para a estimulación da linguaxe oral en galego, Nube Branca quere ser astronauta (Baía Edicións, 2018) e A banda de Raimunda (Baía Edicións, 2019). Actualmente vén de gañar o IV Concurso “Balbino” de Relatos coa obra B.S.O. Banda Sonora Orixinal (Edicións Fervenza, 2019).
Edicións Fervenza