Skip to main content

Bruselas admite que das catro zonas de veda para a cigala que propuxo inicialmente só é necesaria unha

A Comisión Europea admite que das cinco zonas de vedas para a cigala que propuxo inicialmente no "Plan de Recuperación da Pescada e Cigala no mar Cantábrico e Oeste da Península Ibérica" só cómpre manter unha, a situada frente as Rías Baixas. Esta é a principal conclusión da xuntanza que mantivo onte en Santiago o Xefe de Unidade de Xestión de Recursos da Comisión Europea (CE), Ernesto Penas Lado con dous comisións do Consello Galego de Pesca. Segundo Penas, a CE está disposta a reconsiderar as restrictivas medidas propostas no citado Plan, sempre e cando se garanta a recuperación dos recursos.
O funcionario da CE manifestou que se pode considerar a reducción da zona de veda nas Rías Baixas en espazo e tempo, tal e como o solicitara o Consello Galego de Pesca.

A Comisión Europea está aberta as propostas dos mariñeiros galegos.-

A reunión entre o representante da UE e as comisións de Pesca de Arrastre Litoral e de Pesca de Artes Fixas e Menores do Caladoiro Nacional do Consello Galego de Pesca é resultado da visita a Galicia actual comisario de Pesca da Unión Europea, Joe Borg, en xaneiro. Daquela Borg amosou o seu interese en que as medidas de recuperación propostas pola CE fosen discutidas co sector para estudiar as súas repercusións.

Seguindo as directrices do comisario de Pesca para que a CE manteña un diálogo continuo e fluido cos pescadores afectados pola proposta de Plan de Recuperación, Ernesto Penas amosouse durante a xuntanza aberto ás suxerencias dos representantes do sector galego.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos da Xunta de Galicia