Skip to main content

Unha mostra fotográfica lembra en Santiago aos escolares galegos da posguerra

A inauguración oficial da exposición estivo presidida pola vicerreitora de Comunicación, Cultura e Servizos, Mar Lorenzo Moledo, e contou coa presenza da artista María X. Fernández, nun acto que tivo lugar na Igrexa da Universidade e no que tamén tomou parte a concelleira responsable de Educación, Mocidade, Igualdade e Políticas Lingüísticas do Concello de Santiago, Noa Díaz Varela. Esta mostra permanecerá aberta ao público ata o 14 de febreiro de luns a mércores en horario de 17.00 a 20.30 horas e os xoves e venres de 11.00 a 13.30 horas e de 17.00 a 20.30 horas.

Esta exposición é afluente do proxecto ‘Río’ que se desenvolve a partir dunha colección de fotografías de fichas de escolares galegos da posguerra e que se iniciou no Vello Cárcere de Lugo para continuar no Pazo Torrado de Cambados e diferentes partes mostráronse no Museu dos Terceiros en Portugal e en IO Deposito en Italia. En ‘Río’ abórdanse dende unha perspectiva artística as consecuencias da Guerra Civil na xeración que medrou á súa sombra. Nela analízanse, coa colaboración dunha psicóloga, as expresións dos rostros para tentar indagar na situación emocional que xeraron a Guerra Civil e a ditadura; induce reflexións referentes a que é e como se constrúe unha persoa, que aparecen e se reflexan como nun calidoscopio.

Catro instalacións son as claves desta mostra: Orixe, Río, Eixo cartesiano e Unus mundus. Nas primeiras clasifícanse as expresións dos diferentes rostros, aplicándolle os valores emocionais da cor ou ordenados nun eixo cartesiano, mentres que Unus Mundus é unha homenaxe póstuma ao neno que deu título á mostra, Francisco Latorre Eced.
Universidade de Santiago de Compostela