Skip to main content

O Salón Internacional da saúde acollerá a presentación dun sistema que proporciona soporte temporal en caso de insuficiencia cardiaca ou fallo ventricular

O II Salón Internacional da Saúde é o escenario elixido para a presentación en sociedade dun sistema que permite proporcionar soporte temporal a enfermos con insuficiencia cardiaca ou fallo ventricular. Trátase do sistema CentriMag® de Levitronix, que se dará a coñecer o día 13 nun Symposium internacional sobre Levitación Magnética, un novo concepto da Asistencia Ventricular Mecánica, coordinado e dirixido polo doutor Javier Cabo Salvador, Xefe Clínico de Cirurxía Cardiovascular do Hospital Universitario La Paz, profesor na Facultade de Medicina da Universidade Autónoma de Madrid, e director do Departamento de Xestión Sanitaria do Centro de Estudos Financeiros.

A Asistencia Ventricular mediante Levitación magnética está pensada para proporcionar soporte circulatorio mecánico temporal en caso de insuficiencia cardiaca e fallo ventricular durante un período máximo de 14 días. Está indicada en aqueles enfermos que sufriron un shock cardioxénico e non melloran, persistindo en insuficiencia cardiaca pese a un tratamento médico intensivo. Dentro deste grupo están aqueles pacientes postcardiotomía, é dicir, os que no postoperatorio de cirurxía cardiaca sofren un shock cardioxénico e non poden ser debidamente recuperados e liberados da circulación extracorporea de axuda; e tamén aqueles que se deterioran e entran en fallo ventricular estando en lista de espera para trasplante cardiaco.

VANTAXES DESTE NOVO SISTEMA

Este dispositivo de Levitación magnética supón un novo concepto na asistencia ventricular, e está composto por un Ventrículo de Asistencia centrífugo e un motor. O ventrículo conéctase a unha consola principal, mediante unhas cánulas. O sistema, que pode xenerar un fluxo de ata 9,99 litros por minuto en condicións fisiolóxicas normais, obtivo a marca CE en septembro do 2002, téndose implantado ata o momento nuns 150 pacientes en Europa e Estados Unidos.

Este novo sistema ofrece interesantes vantaxes, tanto desde o punto de vista clínico como no plano económico. En primeiro lugar, trátase do dispositivo de asistencia ventricular de menor índice tromboembólico, debido ao seu deseño. O Sistema de Asistencia Ventricular de Levitronix® diferénciase dos demais existentes no mercado en que o seu motor non está en contacto directo co sangue, o que permite que non haxa roce nin se xenere calor no percorrido sanguíneo, reducindo desta forma o risco de formación de trombos e de hemólise. Ademais, non se xeneran partículas de desgaste que poidan contaminar posteriormente o sangue e producir embolismos, como potencialmente pode ocorrer cos outros sistemas.

Polo que se refire ás vantaxes económicas, dicir que ten o prezo máis baixo do mercado, similar ao dun marcapasos bicameral implantado en calquera hospital. Ademais, hai que ter en conta que o Sistema de Asistencia Ventricular a Curto Prazo CentriMag® de Levitronix® foi deseñado para que sirva de “ponte” tanto para a recuperación do paciente, como para unha posterior asistencia ventricular a longo prazo con outro tipo de dispositivos específicos, que permitan estender a duración do seu uso, cun custe menor e unha relación custe-beneficio e custe-utilidade máis optimizada a nivel de xestión hospitalaria.

TEMAS E PARTICIPANTES

O Simposio, que se celebrará o día 13 en Santiago no marco do SIS, vai dirixido a cirurxiáns cardiacos e cardiovasculares, cardiólogos, intensivistas e anestesistas, e contará coa participación de profesionais chegados de Alemaña, Reino Unido ou Suiza, ademais de diferentes Comunidades españolas.

Nel trataranse aspectos da Levitación Magnética e a Asistencia Ventricular Mecánica, como o seu estado actual, cuestión da que falará o doutor Emilio Saura, do Servizo de Cirurxía Cardiaca do Hospital Universitario de Bellvitge. Thomas Gempp, enxeñeiro de Investigación e Desenvolvemento de Levitronix, explicará os principios fundamentais deste sistema; e o doutor Jesús Herreros, do Servizo de Cirurxía Cardiaca da Clínica Universitaria de Navarra, indicará cándo e con qué pacientes se pode utilizar esta técnica.

Analizarase tamén a experiencia co sistema de Asistencia Ventricular CentriMag® a nivel mundial, aspecto do que se encargará a resposable de Marketing de Levitronix para Europa, Stella Kent, que tamén se ocupará de explicar o seu manexo. De presentar a relación custe-utilidade do seu posible uso en España, encargarase o organizador do Simposio, o doutor Javier Cabo; mentres Carlos Mestre, do Servizo de Cirurxía Cardiaca do Hospital Universitario Clínico de Barcelona, tratará todo o relativo ao postoperatorio deste tipo de pacientes. Prestarase ademais especial atención aos resultados destes dispositivos na Humboldt-University de Berlín, que explicará o doutor Joerg Linneweber, do Departamento de Cirurxía Cardiovascular deste centro de estudos.
Gabinete de Comunicación do SIS (Xunta de Galicia)