Skip to main content

O Congreso Internacional de Novas Tecnoloxías e Voluntariado arranca con 1.400 participantes

Novas tecnoloxías, solidariedade on line, voluntariado, ciberactivismo, acción click, marketing social ou a brecha dixital son algunhas das materias que se tratarán durante tres días no Congreso Internacional de Novas Tecnoloxías e Voluntariado, que se desenvolverá no pazo de Congresos de Santiago de Compostela.

No encontro, organizado pola Consellería de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado, participarán preto de 1.400 persoas, das que o 75% son mulleres e o 25% homes. A esta cifra hai que engadir os máis de 30 expertos que ofrecerán ponencias ou que tomarán parte nas diferentes mesas redondas ou obradoiros que terán lugar polas tardes.

O congreso apoiarase nun espazo académico e de prácticas, dirixido a todos os inscritos, e un área interactiva, aberta ao público e composta por unha Cidade Solidaria, onde as entidades de acción voluntaria, as universidades e os principais concellos galegos informarán sobre os seus proxectos humanitarios.

Outra das zonas non restrinxidas aos inscritos no seminario é a Illa Virtual, na que haberá 100 ordenadores para que os asistentes poidan realizar consultas sobre voluntariado on line. Neste lugar, as tardes dos días 7 e 8 de abril celebrarase o taller “cibervoluntarios para a seguridade do menor en Internet e contra a pornografía infantil”.

No espazo de prácticas recóllense obradoiros nos que os congresistas deberán participar de maneira obrigatoria para obter os créditos de libre configuración outorgados polas universidades de Santiago e A Coruña. Estes talleres proporcionarán experiencias en voluntariado virtual a persoas interesadas no desenvolvemento de iniciativas solidarias a través da Rede. O principal obxectivo é crear un espazo no que se fomente a interrelación e se adopten os mecanismos de actuación beneficiosos para a sociedade.

A celebración do foro segue os principios marcados na declaración do Cume Mundial sobre a Sociedade da Información desenvolvida en Xenebra o pasado ano. As principais propostas foron o compromiso de construir unha sociedade da información centrada na persoa, de xeito que todos os pobos poidan desenvolver o seu potencial e mellorar a súa calidade de vida, encarreirar as posibilidades das tecnoloxías da información co fin de acadar a erradicación da pobreza e lograr unha educación primaria universal, e promover a igualdade de xénero.

Neste proxecto da Consellería de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado, ademáis das universidades de Santiago e A Coruña, colabora a Dirección Xeral de Tecnoloxía da Consellería de Industria. A iniciativa conta tamén co patrocinio de Sunmicrosistem.

EXPERTOS NA REDE

A xornada de mañá, xoves, abrirase, ás 9.30 horas, coa intervención de Adolfo Hernández, vicepresidente mundial de Sun Microsystem, que disertará sobre as posibilidades do voluntariado virtual. Seguiralle Carlos Mañas, presidente de ADEMAS (Asociación de Marketing Social), quen falará sobre as estratexias de marketing utilizadas polas entidades non lucrativas. Tras estas conferencias celebrarase unha mesa redonda na que se debatirá sobre a reducción da brecha dixital. Ao final da mañá, ás 13 horas, o presidente da Xunta, Manuel Fraga, fará a inauguración oficial.

Na sesión de tarde Ismael Peña, director de Cooperación ao Desenvolvemento da Universitat Oberta de Catalunya, tentará ofrecer un perfil do voluntario, tipoloxías e grao de coñecemento necesarios para desempeñar esta labor na sociedade actual. Peña compartirá mesa con Martín Varsavsky, creador das empresas Viatel, Jazztel Telecomunicaciones e Ya.com, segunda empresa máis importante en contidos de Internet en España.

Posteriormente os asistentes poderán elixir entre os distintos obradoiros nos que se falará, entre outros temas, da responsabilidade social corporativa, a acción voluntaria a través da rede ou a infancia e Internet.

As actividades do venres iniciaranse ás 10 horas coa conferencia “Sociedade da información e voluntariado”, a cargo da presidenta da Plataforma de Voluntariado de España, Carmen Laviña Bellido, que falará da sociedade da información como ponte entre a sociedade civil e os poderes fácticos, así como das dificultades de acceso de grupos minoritarios e os seus representantes colectivos.

Guilermo Cánovas, presidente e fundador da Asociación contra a Pornografía Infantil, ACPI, será o seguinte conferenciante, que tratará sobre a influencia de Internet nos menores, as posibilidades de protección e o papel da rede na formación dos máis pequenos.

MARKETING E CAMPAÑAS SOLIDARIAS

A tarde do venres terá como eixos centrais o ciberactivismo e a exclusión na sociedade da información. A primera oradora, Diana Casellas Pauli, responsable de comunicación de Intermón Oxfam, explicará as vantaxes que ofrece a movilización on line. Presentará ademais dous exemplos de uso das novas tecnoloxías no eido da solidariedade, como son, por unha banda, o traballo dentro das campañas, como as de comercio xusto ou a de armas baixo control, e, por outro lado, a labor educativa a partir do programa “Conectando Mundos”, unha iniciativa na que escolas de distintos países contribúen para crear unha cultura de paz. Este proxecto contempla que alumnos e profesores se formen no uso das TIC (Tecnoloxías da Información e Comunicación), vendo así novas formas de aprendizaxe.

Tras o relatorio de Casellas desenvolveranse novos obradoiros, como o de programas de colaboración e asesoramento policial e emprego de novas tecnoloxías, aproveitamento e reciclado de equipos informáticos con fins solidarios ou a ciberpormoción.

O encontro pecharase o sábado, xornada na que José Luis Piñuel Raigada, catedrático de Xornalismo da Universidade Complutense de Madrid, explicará as fórmulas para deseñar procesos e campañas de comunicación cando hai que xestionar crisis. Antes da clausura, o director de Google España, Miguel de Reina, falará sobre o papel dun portal como Google nun contorno solidario.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado da Xunta de Galicia