Skip to main content

Entregados os Premios Emprendedor XXI a novos empresarios



O director do Igape, Juan Cividanes, asistiu hoxe á entrega dos Premios Emprendedor XXI de Galicia, impulsados por CaixaBank e Enisa coa colaboración da Consellería de Economía Emprego e Industria, celebrada no marco do DayOne Innovation Summit que ten lugar hoxe na Cidade da Cultura. Na súa intervención, na que felicitou á empresa gañadora, Alen Space, salientou que o esforzo dos emprendedores galegos contribúe de forma destacada a afianzar a Industria 4.0 e a mellorar a competitividade do tecido produtivo galego.

Cividanes sinalou que os proxectos premiados constatan o dinamismo do ecosistema emprendedor galego e animou a continuar o traballo conxunto de iniciativas como esta, na que Administracións e axentes socioeconómicos colaboran para fomentar o talento e a vocación empresarial, premian a formación e o labor ben feito e impulsan ademais a posta en marcha e consolidación de novas empresas que centran as súas actividades na industria intelixente e na innovación.

Á edición dos premios deste ano concorreron 42 empresas galegas, das que foron seleccionadas cinco finalistas centradas en actividades TIC, a xestión financeira, a seguridade viaria e o desenvolvemento de sistemas de monitorización e optimización de procesos produtivos. Ademais da iniciativa gañadora do galardón, Alen Space, dedicada ao deseño e fabricación de satélites espaciais, as empresas que chegaron á fase final, son: Opseeker, Coinscrap Finance, Netum Solutions e Data Monitoring.

No marco do DayOne Innovation Summit no que se celebrou a entrega de premios, os asistentes puideron tamén coñecer os casos de éxito xurdidos do programa Business Factory Aereo, e participar nos espazos de networking, relatorios e mesas redondas. A xornada centrou a súa temática no concepto de mobilidade e os retos e desafíos que afrontan as cidades para mellorar a súa habitabilidade e eficiencia ambiental, así como as solucións que achegan a tecnoloxía, a innovación e o emprendemento.
Premios Emprendedor XXI