Skip to main content

Sanidade inicia as reunións que preparan a Galicia para o impacto dunha posible pandemia de gripe

A Consellería de Sanidade inicia coa reunión constitutiva as accións coas que se está a preparar á comunidade autónoma galega para o impacto dunha posible pandemia de gripe. Así, a Comisión Asesora do Plan Galego de preparación e resposta a unha posible pandemia de gripe reuniuse en San Lázaro, e designa secretario da comisión a Xurxo Hervada Vidal, que é subdirector de Información, Prevención e Control de Enfermidades-; avalía o estado da situación no que á gripe se refire; e revisa o papel que cada un dos membros ten que desenvolver e a súa implicación nos diferentes grupos de traballo creados ao respecto.

Esta Comisión -órgano de seguimento, coordinación, e, no caso de ser necesario, proposta de actuacións- está formada por representantes dos sectores nos que a eventual pandemia tería máis repercusión; e ten como principal liña clave de traballo a organización dos recursos existentes. De xeito paralelo, e en termos xerais, con estas medidas mellóranse os sistemas de información entre institucións sanitarias e non sanitarias, a resposta fronte aos períodos de gripe anual, e as infraestructuras sanitarias e de emerxencia para calquera outra eventualidade, como catástrofe natural ou ameaza infecciosa.

PREVENCIÓN E ORGANIZACIÓN COMO PUNTO DE PARTIDA

A existencia desta Comisión xustifícase na necesidade de estar preparados para calquera eventualidade, posto que a Organización Mundial da Saúde considera que en calquera momento se pode producir unha pandemia, sendo imprevisible para os sistemas sanitarios, e, tamén, nun contexto mundial e global no que a propagación de calquera virus é moi doada.

O virus da gripe, ou da influenza, circula de seguido na poboación nunha continua sucesión de cepas que se substitúen unhas a outras practicamente cada ano. Estas cepas son produto de pequenas mutacións que sofre o xenoma do virus, que lle permite escapar á inmunidade que deixou a cepa precedente nas persoas que tiveron contacto con ela; este proceso de mutacións sucesivas é o responsable das gripes anuais.

Pero o virus pode experimentar cambios máis fondos que afecten a gran parte do seu xenoma; de se producir isto, o virus estaría nunhas condicións óptimas para infectar e transmitirse, posto que a poboación, non tendo ningún contacto previo cun virus semellante estaría desprotexida. Estas circunstancias favorecerían que se puidera producir unha pandemia que, aínda sendo un fenómeno raro, suporía un impacto importante, posto que se daría de xeito simultáneo en diferentes lugares, a gravado polas dificultades para dispoñer de vacina e a escaseza de medicamentos axeitados para esta cepa concreta. Polo tanto, a clave será facer o mellor uso dos recursos para minimizar este impacto, establecer un plan de continxencias para estar na mellor situación para amainar as posibles consecuencias.

COORDINACIÓN ENTRE OS IMPLICADOS

Polo tanto, reuníronse os representantes dos sectores nos que a posible pandemia tería máis repercusión como a asistencia sanitaria e social de persoas institucionalizadas ou ambulatorias, o control da infección en institucións sanitarias e sociosanitarias, a administración de vacinas, a seguridade pública policial e de protección civil-, a escola -polo seu papel tanto de transmisor como de posible instrumento de control-, a gandería -por ser posible porta de entrada-, a vixilancia epidemiolóxica -pola necesidade de se adaptar á resposta e á situación concreta-, e, por último, a economía.

Así, estiveron xunto ao conselleiro de Sanidade, José Manuel González, e representantes do departamento sanitario; os directores xerais de Interior e Protección Civil, José Benito Suárez Costa; do Maior e Persoas con Discapacidade, Elisa Madarro González; de Centros e Ordenación Educativa, Alberto González Armesto; de Producción e Sanidade Agropecuaria, Miguel Fernández Rodríguez; de Orzamentos, María Dolores Casais Mira; e o director da área de Sanidade da delegación do Goberno en Galicia, Juan Hidalgo Antón.

TAREFAS E GRUPOS DE TRABALLO

Antes do inicio da posible pandemia é imposible coñecer cal será o seu comportamento, polo que hai que ter prevista un marco de referencia e un sistema que permita coñecer as características epidemiolóxicas da mesma cando esta, de darse o caso, comece. Estimarase tamén a potencial actividade sanitaria para examinar a suficiencia da estructura sanitaria e sociosanitaria desenvolvendo plans propios.

Para o desenvolvemento deste estudio de necesidades e plans de actuación créanse grupos de traballo que elaborarán o documento pertinente establecendo o seu seguimento e revisión. Os grupos inicialmente propostos teñen como eixes a Vixilancia, o Uso de Vacinas, o Uso de antivirais, o Emprego de Barreiras de Transmisión; a Avaliación das Necesidades Sanitarias, das Sociosanitarias, e das doutros servizos esenciais. Esta primeira xuntanza concreta xa as actuacións nestas materias.

Gabinete de Comunicación da Consellería de Sanidade