Skip to main content

Dez universidades de Asia Central fórmanse na USC en Big Data no marco dun proxecto internacional

O proxecto ELBA, que conta con preto dun millón de euros para a súa execución, traballará no desenvolvemento de novas competencias en tecnoloxías innovadoras que contribúan a mellorar o campo do Big Data Analytics, un paradigma de Intelixencia Artificial (IA) que aborda o tratamento de inxentes cantidades de datos. Esta iniciativa, de tres anos de duración, nace para dar resposta á escaseza de profesionais cualificados para abordar a súa xestión, particularmente determinadas áreas xeográficas.

Na apertura celebrada esta mañá interveu o vicerreitor de Estudantes e Internacionalización, Víctor Arce Vázquez, que subliñou “a importancia e pertinencia deste proxecto e o impacto que vai xerar nos países de Asia Central. A USC conta cunha traxectoria recoñecida na xestión da proxectos de formación de capacidades en colaboración coas universidades participantes nesta iniciativa”.

Encontro do reitor con homólogos de Asia Central

Durante a xornada o reitor Antonio López Díaz, mantivo un encontro con catro reitores das universidades participantes coa finalidade de estreitar vínculos con estas institucións.

“Este proxecto é unha oportunidade para fortalecer os lazos con outras institucións europeas e de Asia Central nun eido tan punteiro como o do Big Data Analytics”, indica o investigador principal desta iniciativa e profesor da ETSE, David Losada. “Entre outros retos, o proxecto ELBA pretende definir unha axenda para a mellora nas capacidades dos socios de Asia Central na formación e investigación en tecnoloxías Big Data, así como noutras tecnoloxías relacionadas”, sinala.

Xunto á USC, institución coordinadora do proxecto, participan tamén outros dous socios europeos (Politécnico de Turín e Universidade de Primorska) e dez institucións de Asia central, procedentes de Uzbekistán, Kazakhstán, Kirgizistán e Tadzhikistán. As tarefas da USC estarán orientadas a mellorar a capacidade formativa dos socios de Asia Central, monitorizar e asesorar o desenvolvemento de plans de estudo en Big Data Analytics e proporcionar métodos e ferramentas de aprendizaxe en tecnoloxías intelixentes de procesado de datos masivos. Nesta reunión inicial os socios definirán as principais directrices do proxecto e liñas de acción para acometer neste primeiro ano de execución e participarán en varios seminarios sobre boas prácticas para a execución de proxectos impartidos por docentes e técnicos da USC.
Universidade de Santiago de Compostela