Skip to main content

Entregados os premios Concepción Arenal a proxectos educativos pola Igualdade a dous centros da Coruña e un de Culleredo

A deputada de Igualdade, María Muíño, entregou na sede da Deputación da Coruña os Premios Concepción Arenal a proxectos educativos pola Igualdade que este ano recaeron en dous centros da Coruña e un de Culleredo. A deputada destacou a necesidade de contribuír á igualdade desde os centros educativos.

Un proxecto da Escola infantil de Montealto na modalidade de Educación Infantil, un do CEIP Sanjurjo de Carricarte na de Educación Primaria, os dous da Coruña, e un do IES Universidade Laboral de Cullleredo en Educación Secundaria son os gañadores da nova edición do Premio "Concepción Arenal" de proxectos educativos pola igualdade de xénero da Deputación da Coruña.

"O premio supón unha iniciativa para desenvolver desde os centros de ensino proxectos que contribúan á igualdade nun ámbito de vital importancia para construír un futuro sen discriminación", sinalou a deputada de Igualdade, María Muíño.

"As maletas viaxeiras para a igualdade de xénero" da Escola Infantil de Montealto da Coruña foi o proxecto que resultou gañador na modalidade infantil do Concepción Arenal por ser, segundo o xurado, unha iniciativa "dinámica e participativa, con especial coidado na implicación das familias.

Pola súa parte, outro centro da Coruña, o CEIP Sanjurjo de Carricarte da Coruña, foi o gañador na modalidade de Educación primaria co traballo "Mais que unha liga de mulleres: Nós contamos, vós pintades, elas suman" do que o fallo destaca a "implicación de toda a comunidade, a alta xestión e coordinación do programa, así como o enfoque inclusivo da diversidade, a descrición de boas prácticas e a súa axeitada avaliación".

Finalmente, na modalidade para proxectos de Educación secundaria, o centro gañador resultou ser o IES Universidade Laboral de Culleredo co proxecto titulado "Camiñando cara a igualdade: xuntos debuxaremos portas violetas" do que o xurado valorou o "traballo continuado durante todo o curso, a participación e coordinación do alumnado e doutros axentes externos, e o enfoque transversal de xénero e igualdade, tendo en conta a realidade e as características do centro e a súa oferta educativa e o número de alumnado e profesorado entre outros indicadores.

Os premios están dotados con 5.000 € en cada unha das modalidades.
Deputación da Coruña