Skip to main content

Prado expón aos responsables do Parque Tecnolóxico de Galicia as liñas de actuación da Xunta en materia de emprego

A conselleira de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, Belén Prado, visitou o Parque Tecnolóxico de Galicia, para coñecer de primeira man o funcionamento do complexo así como as necesidades e demandas das empresas alí ubicadas. Con este obxectivo a responsable de Emprego mantivo unha reunión co equipo directivo do Parque Tecnolóxico para despois facer un percorrido polas instalacións.

Trala xuntanza, a conselleira achegouse ata a incubadora de empresas situada no Centro de Empresas e Innovación, ás compañías de biomedicina Innova e Auria, e á empresa de informática Coremain. Posteriormente, a titular de Emprego visitou o laboratorio de I+D de Coren, Hispamoldes, a Escola de Formación de Matricería da Deputación Provincial de Ourense, as instalacións de Roberto Verino e Call Center. O percorrido rematou coas visitas á empresa Componentes Aeronáuticos e ao Centro de Innovación e Servizos Tecnolóxicos da Madeira (CIS-Madera). Durante a visita, Belén Prado expresou a súa satisfacción pola próxima instalación no Parque Tecnolóxico da empresa francesa do sector da autonomoción Wagon Automotive, que podería contribuír a recolocar a traballadores de Valeo.

Os responsables do Parque Tecnolóxico expuxénronlle á conselleira dous proxectos nos que están a traballar para o período 2005-2006. Un deles é o programa de prácticas en empresas, centros tecnolóxicos e laboratorios de I+D, instalados en San Cibrao das Viñas, de alumnos de FP e universitarios para facilitar o seu acceso ao mercado laboral. Así mesmo, a titular de Emprego puido coñecer en profundidade as actividades e proxectos de formación profesional e de inserción laboral que a dirección do Parque Tecnolóxico ten previstas ata o 2006.

EMPREGO XUVENIL E FEMININO

Belén Prado trasladou aos reponsables do Parque Tecnolóxico de Galicia o traballo que se está a desenvolver desde o seu departamento para fomentar o emprego, especialmente o xuvenil e feminino. Estas iniciativas foron presentadas en novembro na comparecencia de orzamentos e xa están operativas tras publicase no Diario Oficial de Galicia. Nesta liña, a consellería establece incentivos para o primeiro emprego dos mozos e facilítase o tránsito entre a formación e a vida activa, subvencionando os contratos en prácticas dos mozos, e promovendo entre as pemes esta modalidade contractual vinculada a proxectos de I+D+I, entre outras accións. Ademais, estase a reforzar a contratación de beneficiarios do Programa Labora por parte da iniciativa privada; concédense incentivos cunha contía maior a aquelas empresas que contraten con carácter indefinido aos mozos menores de 30 anos ou transformen os seus contratos temporais en indefinidos; e apoianse as fórmulas de autoemprego promovidas polos mozos. Igual que no resto das políticas activas de emprego, estes incentivos dirixidos aos xoves incrementaranse cando o beneficiario último sexa unha muller.

As accións específicas de promoción do emprego feminino están orientadas a promover o autoemprego; a favorecer a conciliación da vida laboral e familiar (con incentivos á reincorporación indefinida tras o permiso de paternidade ou maternidade; incentivos á contratación de empregados de fogar cando o titular ou titulares da unidade familiar traballen fóra da casa e teñan ao seu cargo fillos menores de 6 anos ou maiores dependentes; e co fomento das garderías de empresas ou dos entes xestores dos polígonos industriais e parques empresariais); e a fomentar a contratación estable das mulleres (especialmente das que que teñan cargas familiares, as que se reincorporen ao mercado laboral tras unha ausencia prolongada, as que desempeñen profesións con menor índice de emprego feminino e as que sexan víctimas de violencia doméstica). Ademais, o departamento autonómico esta a desenvolver un programa de dinamización do emprego feminino e xuvenil no rural galego. O obxectivo desta medida é xerar emprego, preferentemente entre mulleres e mozos, a través de apoios ás novas iniciativas empresariais nos concellos rurais de Galicia.

Así mesmo, foméntase a iniciativa emprendedora a través do programa de emprego autónomo; do de fomento do emprego en cooperativas e sociedades laborais; e das iniciativas de emprego de base tecnolóxica. Doutra banda, promóvese a contratación por conta allea, a través do programa de fomento da contratación indefinida e do de mellora da empregabilidade a través de incentivos á contratación temporal de colectivos con especiais dificultades para acceder ao mercado laboral.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais