Skip to main content

O Servizo Galego de Saúde comunicará sempre de xeito individual os cambios que afecten ás citas nos seus centros sanitarios

Ante esta situación, a instrucción do Sergas é que calquera cambio na cita será comunicado de xeito individual e se non se recibe unha chamada por parte do Sergas, mantense a cita que xa ten.

Esta actuación está enmarcada na declaración o pasado 13 de marzo de 2020 da situación de emerxencia sanitaria en Galicia, coa que se activou o Plan Territorial de Emerxencias. Estas medidas foron comunicadas xa a todas as xerencias de áreas sanitarias mediante unha instrucción na que se especifica toda a reordenación asitencial.

Que se suspende e que se mantén?

Nos hospitais poderá ser suspendida ou aprazada a actividade cirúrxica programada, salvo aquelas patoloxías recollidas no Decreto 105/2017, de 28 de setembro, polo que se regula o sistema de garantía de tempos máximos de acceso ás prestacións sanitarias públicas.

As consultas e probas diagnósticas non preferentes poderán ser suspendidas ou aprazadas, e no caso das consultas, substituídas por modalidades de atención non presencial.

Así mesmo, o Sergas suspende todos os programas de cribado, sen embargo realizaranse as probas diagnósticas derivadas destes programas nos casos que deran positivo. Ademáis, manténse o calendario vacinal infantil.

Implantación destas medidas

O Sergas promoverá a consulta telefónica en todos os casos posibles para evitar que se acuda aos centros sanitarios, e tamén empregará os procedementos que permitan a atención domiciliaria, tanto a través de visita domiciliaria, e recollida de mostras ou a plataforma TELEA, de teleseguimento de pacientes.

Todas as modificacións realizadas serán comunicadas individualmente aos pacientes citados ou programados con anterioridade. Así, promoverase o contacto cos todos os pacientes que teñan cita próxima e cambiarase á modalidade telefónica en todas as que sexa posible. Esta actuación realizarase de forma progresiva e seguindo criterios consensuados cos profesionais sanitarios.

Os profesionais de atención primaria e hospitalaria revisarán de xeito proactivo con anterioridade á data da cita co obxectivo de identificar aos pacientes fráxiles ou máis vulnerables. Se é posible, estes pacientes serán atendidos mediante modalidade de atención non presencial (consulta telefónica ou teleseguimento).

Así mesmo, potenciarase a contestación directa dende os centros de saúde, evitando a entrada de sistemas automáticos, co obxectivo de incrementar a consulta en modalidade non presencial e evitar que os cidadáns teñan que acudir ao centro a solicitar cita. Neste senso, o Sergas establecerá o teletraballo a todos os profesionais que poidan realizar esta variante.

Novidades con respecto das oficinas de farmacias

A Consellería de Sanidade activa a medida que permitirá ás farmacias dispensar a domicilio medicamentos ás persoas usuarias que residan en zonas rurais illadas, dependentes e enfermos crónicos independentemente de onde residan.

Tamén se posibilita a entrega de medicación hospitalaria nos domicilios dos pacientes ou a posibilidade de que sexa un familiar o que as recolla no hospital para evitar o desprazamento da persoa enferma. Esta medida súmase á activada xa anteriormente da posibilidade da dispensación excepcional a través do torno.
Servizo Galego de Saúde