Skip to main content

Publicada unha circular que fixa a estrutura dos plans de actuación das empresas de distribución de enerxía fronte ao coronavirus

Dado que a Dirección Xeral debe ser coñecedora dos plans que estas empresas están elaborando, para dotalos de homoxeneidade e coherencia, recolle na circular a estrutura que deben adoptar. Así, no eido do ámbito e organización do traballo e información interna, é necesario definir ao persoal preciso para a correcta operación e mantemento das redes de distribución de enerxía; asegurar a identificación de empregados, establecendo un plan de acción fronte a súa posible ausencia; evitar o acceso ás instalacións de persoal alleo á actividade que se desenvolve nas mesmas, limitando as visitas aos meramente necesarios para o mantemento das mesmas; establecer pautas para prever a propagación, valorando a posibilidade de que os empregados poidan traballar desde o seu domicilio e establecendo normas para modificar a frecuencia e o tipo de contacto de persoa a persoa, atendendo ás recomendacións sanitarias; elaborar e difundir un informe aos traballadores sobre o protocolo de actuación e organización de traballo e o protocolo de medidas de protección e resposta fronte ao coronavirus.

En canto á protección e saúde dos traballadores, teñen que adoptarse medidas tanto de hixiene persoal como ambiental. Por último, en canto aos plans de continxencia para a seguridade da subministración de enerxía, as empresas distribuidoras definirán as medidas necesarias para garantir a prestación e manter a continuidade na correcta operación e mantemento das súas infraestruturas, definido con claridade o protocolo de actuación no suposto de que o persoal crítico estivera en contacto co virus. Tamén contemplarán os mecanismos de revisión e actualización destes plans segundo a evolución da pandemia.

Estes plans terán que ser remitidos á Dirección Xeral de Enerxía e Minas, en formato electrónico a través do procedemento de comunicación xenérico para o seu coñecemento e remisión ás autoridades competentes no ámbito da saúde pública.
Consellería de Economía, Emprego e Industria