Skip to main content

'Toda crise é unha oportunidade de crecemento'

"Manterse ocupado, é dicir, conectado cos proxectos e cos estudos, é moi importante", salienta o profesor Vázquez. Asemade, "debemos coidarnos dentro do posible. Por exemplo, facer cousas que nos gusten como ler libros, escoitar música ou escribir", destaca. O exercicio tamén debe estar presente na rutina diaria. Nesta liña, Vázquez pon o foco no feito de que o deporte "potencia estados emocionais positivos".

Estar en contacto con outras persoas a través do teléfono ou das novas tecnoloxías e evitar fontes de estrés eríxense tamén en elementos chave para poder xestionar de modo eficaz este momento. "É necesario conservar un espazo individual para nós", afirma Vázquez, así como "evitar a sobreinformación" para afastarse, deste xeito, da angustia que pode chegar a aparecer co paso dos días.

"Toda crise é unha oportunidade de crecemento", sinala este docente da USC, por iso debe levarse a cabo unha lectura positiva do contexto actual. Neste senso, a solidaridade, dispor de máis tempo para pasar cos seres queridos ou incluso formularse preguntas máis fondas sobre se as metas actuais nos fan realmente felices, poden ser factores positivos dentro deste estado de illamento.

Recomendacións da OMS

A Organización Mundial da Saúde (OMS) acaba de facer públicas unha serie de recomendacións para manter, ademais da hixiene física imprescindible, unha tamén necesaria hixiene no relativo á saúde mental. Neste senso, entre as recomendacións establecidas, destaca non estar constantemente pendente da evolución do virus COVID-19 (coronavirus), senón buscar só unha ou dúas veces ao día as actualizacións a través de fontes solventes e contrastadas.

Os organismos de saúde pública e o persoal experto de todo o mundo están a traballar para garantir a mellor atención ás persoas afectadas, pero é normal sentir intranquilidade, aseguran dende a OMS. Durante os momentos de tensión, aconsellan realizar actividades relaxantes, manter rutinas de soño regulares e comer alimentos saudables. Buscar actualizacións da información e orientacións prácticas en momentos concretos do día e evitar escoitar ou seguir rumores que podan producir intranquilidade, son algúns dos consellos dos especialistas.

Os adultos maiores, especialmente os que padecen deterioración cognitiva ou demencia, poden sentirse máis ansiosos, tensos, axitados e retraídos. A OMS recomenda subministrarlles información clara sobre a forma de reducir o risco de infección con palabras que poidan entender. “As instrucións deben comunicarse de forma clara, concisa, respectuosa e paciente”, engaden, “e tamén pode ser útil que a información se mostre por escrito ou en imaxes”.
Universidade de Santiago de Compostela