Skip to main content

A Fegamp inicia o reparto de equipos de protección aos concellos

“Estou seguro de que será unha axuda importante para que tamén desde os servizos que ofrecen os concellos poidan seguir traballando e protexendo aos funcionarios municipais nas tarefas esenciais que tamén desenvolven”, explicou o vicepresidente. Distribuiranse, nun primeiro envío, 15.000 mascarillas e 100.000 pares de guantes.

Rueda puxo tamén en valor que mañá tamén comezan os traballos das brigadas da Consellería do Medio Rural que se dedicarán, tamén nos concellos máis pequenos, a tarefas de desinfección d exteriores de centros sanitarios, residencias e centros sociosanitarios.

Traballo en todas as frontes

O vicepresidente destacou que a Xunta segue traballando no ámbito sanitario “e en todas as frontes” para frear a epidemia de coronavirus. Ao respecto, lembrou a necesidade de que o Goberno central subministre máis material de protección para os sanitarios, en tanto o enviado non é suficiente e estase traballando maioritariamente con medios da Administración autonómica.

Apelou tamén á necesidade de continuar seguindo as medidas de confinamento e distanciamento social, “a arma fundamental para para previr unha rápida extensión do coronavirus”, e agradeceu o sacrificio de toda a sociedade.

Ademais, puxo en valor a “boa nova” de que en Galicia se rexistrase a alta do primeiro paciente diagnosticado con coronavirus en Galicia, que é ademais a primeira alta en Galicia dun paciente ingresado nunha UCI hospitalaria por esta enfermidade. “Dentro das boas novas que son sempre as altas, é unha especial esperanza para todo o mundo”, destacou.
Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp)