Skip to main content

Presidencia e Educación presentan Microsoft Office en galego

O conselleiro de Presidencia, Jaime Pita Varela, acompañado polo seu homólogo de Educación e Ordenación Universitaria, Celso Currás Fernández, presentaron o paquete informático de Office en galego. Ao acto tamén asistiron o director do Sector Público, Elías Ramos e o director da Área Local e Rexional de Microsoft, Antonio Ondiviela, entre outras autoridades.

O Conselleiro da Presidencia, Jaime Pita, lembrou o esforzo desenvolvido polo Goberno galego, a prol nas novas tecnoloxías, dende o ano 1990 e engadíu que “o impulso da modernización da administración galega tivo o seu reflexo máis importante na implantación de diversos sistemas de información (SXPA), que a súa vez influiron na necesidade de dispoñer de plataforma informática única que lles dera soporte”.

Celso Currás manifestou a súa preocupación dende hai tempo por ofrecer aos galegos software na súa propia lingua, e salientou que nunha época na que as tecnoloxías da fala e da información implican cambios nas linguas é preciso estar ao día neste eido. As mudanzas entre idiomas xa non serán entre linguas minoritarias e maioritarias, oficiais e non oficiais, senón que serán substituídas “pola diferenza entre linguas con tecnoloxía e linguas sen tecnoloxía”.

Froito desta inquedanza xurdiu un protocolo de colaboración entre a Administración e a compañía de Microsoft Ibérica, o pasado 29 de xullo do 2003 que hoxe acabou materializándose.

A través deste acordo chegáronse a elaborar programas en lingua galega, que abranguen tanto o sistema operativo Windows (presentado hai uns meses) como o paquete de programas Office. A partir deste intre tódolos galegos que o desexan terán a posibilidade de descargar un interfface dos programas en galego de xeito gratuíto a través do portal educativo da consellería: www.edu.xunta.es.

Microsoft desenvolveu unha tecnoloxía de programas, denominada Language Interface Pack “LIP” que fornece os instrumentos para crear interfaces de usuario para algúns produtos Microsoft traducidos ao galego e a outras linguas.

Tanto a Administración como Microsoft valoran positivamente os esforzos de ambas institucións para ofrecer aos cidadáns de Galicia os instrumentos necesarios para que a lingua galega teña a mesma presenza en programas informáticos de ampla difusión e uso.

O GALEGO NA INFORMÁTICA

Polo que respecta á lingua, a Administración educativa supervisou a versión que se fai desde o inglés ao galego tanto dos carteis que aparecen nos programas como das mensaxes que en cada programa aparecen nos niveis de instalación ou de “axuda” dos mesmos.

Ademais contouse co aval de TERMIGAL (seminario de terminoloxía do galego) que depende da Dirección Xeral de Política Lingüística e da Real Academia Galega. O total de palabras e frases que se traduciron ascenden a máis de seiscentas mil para o sistema operativo Windows e o paquete Office.

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da un paso máis cara a normalización da lingua galega. Con este proxecto pretende que todos aqueles usuarios da informática que o desexen teñan os recursos necesarios para traballar e investigar no idioma galego.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia