Skip to main content

Guía práctica para convivir co coronavirus

"Este virus sobrevive, en xeral, uns poucos días en superficies non absorbentes como o plástico ou o metal; como máximo, un día en papel ou cartón; e só unhas horas en moedas", explican os profesores da USC. De todos os xeitos, o importante, sinalan, "é que se a carga viral nestes obxectos é baixa, a probabilidade de que nos infectemos por contacto tamén o é, e a medida que pase o tempo, a carga viral irase reducindo". Neste senso, é recomendable lavar as mans con xabón tras volver do supermercado, volver lavalas tras baleirar a compra; e facelo novamente antes de preparar a comida.

Diñeiro

Manexar cartos á hora de adquirir produtos pode chegar a converterse nun foco de transmisión do virus. "Se nos tapamos a cara ao tusir ou esbirrar, a cantidade de virus que transferimos ás mans é moi alta e, polo tanto, son un foco de transmisión. Se non temos coidado hixiénico nesta fase, por suposto que estaremos a contaminar todo obxecto que toquemos, incluído o diñeiro", apuntan Bandín e Pereira. A non manipulación de cartos en metálico, é dicir, o uso de tarxetas ou outros sistemas de pago, contribúen a reducir as actividades que poden ser transmisoras do virus.

Alimentos

Bandín e Pereira subliñan a importancia de que as persoas que manipulan os alimentos tanto nos supermercados como nos repartos a domicilio, o fagan en condicións asépticas. "O virus non se transmite vía alimentos", sinalan a non ser que estes fosen tratados por manipuladores pouco hixiénicos. "O idóneo sería que os repartidores a domicilio cambiasen as luvas frecuentemente; pero isto pode ser contraproducente, se chegamos a un momento no que a subministración deste tipo de material se bloquee. Desinfectarse as mans enguantadas entre servizos non é mala idea, pero tampouco a subministración de desinfectante está asegurado. En todo caso, se cando se fai o servizo, o profesional non tocou nada da vivenda, non debería supor un problema", explican. No caso do peixe ou outros alimentos que se reparten a domicilio, "unha vez que se cociña, xa non hai que preocuparse polo virus".

Libros

Mercar libros de xeito online implica tamén tomar unha serie de precaucións. Bandín e Pereira recomendan non tocar este obxecto durante 24 horas que é o tempo que o virus sobrevive neste tipo de superficies.

Hixiene do fogar

Cando se sae ao exterior do fogar e existen dúbidas de se a persoa puido exporse a algún tipo de contaminación, logo de lavar as mans con eficancia, é recomendable que se aireee a roupa durante 24 horas e, se é necesario, "lavar con deterxente os tiradores das portas". En resumo, Bandín e Pereira destacan que as pautas recomendadas non son máis que simples medidas de hixiene, "que nesta situación de risco débense extremar". Neste senso, poñen o foco na desinfección dos teléfonos móbiles que "son transmisores moi eficaces de axentes infecciosos".
Universidade de Santiago de Compostela