Skip to main content

Actividade física, a receita para un confinamento activo

A conversión das actividades propias do fogar nunha rutina para manter unha vida activa é un dos consellos recollidos na guía de recomendacións do Servizo de Deportes da USC, un documento no que tamén se apunta a conveniencia de combater o sendentarismo con exercicios de estiramento e movementos do corpo cada dúas horas, a fin de facer da xornada un adestramento continuo.

As pautas xerais en canto á actividade física que se pode desenvolver nun fogar abranguen desde accións moi diversas que van desde aumentar o esforzo habitual á hora de facer labores cotiás, a fin de compensar falta de exercicio físico en ximnasio ou ao aire libre, ata o coidado da mobilidade articular ou a repetición de movementos sinxelos, como pode ser o feito de agacharse.

As escaleiras constitúen a alternativa correcta fronte ao ascensor á hora de baixar tirar o lixo ou nas saídas á rúa para ir á compra ou á farmacia, sinala o Servizo de Deportes da USC nesta guía, na que tamén convida a aproveitar o propio peso corporal e os diversos utensilios que pode haber na casa para facer exercicios de forza ou para traballar bíceps, ombreiros... Os xogos, así como outras actividades de música ou baile, tamén poden servir de axuda á hora de seguir un ritmo de vida activa dentro do fogar, segundo se indica nesta guía.
Universidade de Santiago de Compostela