Skip to main content

Manuel Fraga evoca a figura de Canalejas, un estadista que antepuxo España ao seu propio partido

O presidente da Xunta de Galicia, Manuel Fraga, fixo un percorrido pola vida do político de orixe ferrolá José Canalejas Méndez, a quen cualificou como “un estadista que antepuxo España ao seu propio partido”, “un home de acción, convencido de que un político debe actuar, promovendo reformas para construír un país mellor”. Manuel Fraga fixo estas declaracións na inauguración do congreso Canalejas e a súa época, que se celebra no Salón de Actos do Vicerreitorado de Ferrol ata o día 9 e que está organizado pola Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo e polo Club de Prensa de Ferrol, en colaboración coa Universidade da Coruña e co concello ferrolá.

Na súa intervención, Manuel Fraga avogou porque o congreso, que se celebra con motivo do 150 aniversario do nacemento de Canalejas, sirva para “achegarse a unha das máis apaixonantes etapas da política española”, “caracterizada polo enorme esforzo que algúns homes senlleiros, como Cánovas, o máis importante de todos, e posteriormente Maura e o propio Canalejas, fixeron para modernizar España”. Neste sentido, o titular do Goberno autonómico indicou que, nos case tres anos que exerceu a Presidencia de España, Canalejas “desenvolveu unha actividade frenética”, xa que era “un reformista, un defensor dos cambios que, impulsados desde dentro do sistema, afastasen o perigo das revolucións feitas desde abaixo”.

Manuel Fraga valorou a visión da política que posuía Canalejas, para quen “a política non era unha simple carreira que había que ir escalando, a política era a maior das artes”, por iso, engadiu o presidente da Xunta, este político ferrolá “traballou en constante equilibrio entre a necesidade de promover reformas e o exercicio da inevitable autoridade, afrontando moitas dificultades”.

“Gobernou coas cámaras abertas, a prensa libre e a opinión, a palabra e a acción alleas respectadas”. “A súa figura –concluíu Manuel Fraga- describe xa a un político moderno do século XX, un estadista que antepuxo España ao seu propio partido”.

CONGRESO

Trala intervención do presidente da Xunta comezarán os relatorios de diferentes expertos que analizarán tanto a vida de José Canalejas Méndez como a situación económica, política, social e cultural da época. O congreso estenderase ata o próximo día 9 de abril.

Nesta primeira xornada analizaranse, entre outros temas, a literatura galega e española en época de Canalejas, Galicia e a a emigración a principios do século XX, o partido liberal e a cuestión agraria ou as relacións interministeriais do goberno liberal de 1888 a 1890. Na segunda xornada exporase a relación de Canalejas coas orixes da socioloxía española e coa Igrexa, a arquitectura, a música e a restauración artística nesta época, ou a figura de Uxío Carré Aldao nas orixes das ciencias documentais en Galicia.

O venres, 8 de abril, a xornada prestará especial atención á historia de arquivos e bibliotecas e aos centros de información en Galicia en época de Canalejas, así como á Semana Tráxica de Barcelona, ao asasinato de Canalejas e ás relacións do político ferrolá coa prensa.

Finalmente, a oposición católica ao Goberno de Canalejas, a prensa católica neses momentos, os cambios demográficos en relación coas reformas realizadas, a cuestión agraria e a presenza de Canalejas en bibliotecas e arquivos do mundo, serán algúns dos temas que pechen o congreso.

INTERVENCIÓN DO PRESIDENTE DA XUNTA DE GALICIA NA INAUGURACIÓN DO CONGRESO CANALEJAS E A SÚA ÉPOCA

- “O pasado mes de xullo cumpriuse o 150 aniversario do nacemento en Ferrol de José Canalejas Méndez. En xusta conmemoración desta efeméride celébrase este congreso, impulsado pola Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo e o Club de Prensa de Ferrol e coa colaboración da Universidade da Coruña e do concello ferrolán. Nel esperamos que todos os presentes teñan a oportunidade de achegarse a unha das máis apaixonantes etapas da política española (...) Unha etapa caracterizada polo enorme esforzo que algúns homes senlleiros, como Cánovas, o máis importante de todos, e posteriormente Maura e o propio Canalejas, fixeron para modernizar España. Un esforzo reformista que (...) se frustrou para desgraza dunha España que, ao abandonar a vía reformista, caeu na espiral da ditadura, o 14 de abril, a revolución do 34 e, finalmente, a guerra do 36”.

- “José Canalejas Méndez naceu o 31 de xullo de 1854. (...) Desde moi novo destacou pola súa precocidade, ata o punto de ser considerado un auténtico neno prodixio que aos dez anos editaba un xornal manuscrito e aos once era correspondente de prensa (...) Cursou dúas carreiras (Filosofía e Letras e Dereito), pero, como bo fillo de enxeñeiro, o seu perfil técnico reflectiuse nunha forte tendencia ao pragmatismo”.

- “Á idade de 27 anos foi elixido por vez primeira deputado en Cortes por Soria, logo seríao tamén por Alxeciras e, a continuación, por Alcoi. Durante a rexencia de María Cristina de Habsburgo achegouse ao partido Liberal de Mateo Sagasta, desempeñando os ministerios de Fomento e de Graza e Xustiza; no segundo goberno sería ministro de Facenda. Co tempo, a súa enorme capacidade de traballo e habilidade levaríano a ocupar outras carteiras, merecendo o cualificativo de ministro universal”.

- “En 1906 foi nomeado presidente do Congreso dos Deputados. Finalmente, os sucesos da Semana Tráxica (...) provocaron que o Rei abrise unha nova quenda liberal, presidida por Canalejas desde o 9 de febreiro de 1910”.

- “Na Presidencia, que desempeñou durante algo menos de tres anos, desenvolveu unha actividade frenética. (...) Era, ao igual que Maura pero desde o radicalismo, un reformista, un defensor dos cambios que, impulsados desde dentro do sistema, afastasen
o perigo das revolucións feitas desde abaixo”.

- “Esta condición de inesgotable traballador (...) permitiulle gozar en vida dun amplo prestixio. No seu caso, o desempeño do cargo político como verdadeiro officium reflicte o ideal do home de Estado (...). A política non era unha simple carreira (...) que había que ir escalando, a política era a maior das artes. Por iso, o noso gobernante traballou en constante equilibrio entre a necesidade de promover reformar e o exercicio da inevitable autoridade, afrontando moitas dificultades”.

- “A vinculación directa de Canalejas coa súa vila natal foi, certamente, limitada, pero moi sentida, como poñen de manifesto diversos episodios”.

- “Canalejas foi asasinado o 12 de novembro de 1912. (...) Así desapareceu, ante todo, un home de acción, convencido de que un político debe actuar, promovendo reformar para construír un país mellor. (...) Gobernou coas cámaras abertas, a prensa libre e a opinión, a palabra e a acción alleas respectadas. (...) A súa figura, pois, describe xa a un político moderno do século XX, un estadista que antepuxo España ao seu propio partido”.

- “Este ferrolán, que mudo nos observa desde o retrato que exhibe o Concello, merece ser recordado e seguir presente como referente político para todos nós”.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia