Skip to main content

Sanidade recepciona na súa plataforma loxística un envío cun millón de máscaras das adquiridas pola Xunta

O material recibido hoxe forma parte dos lotes adquiridos pola Xunta de Galicia a distintos provedores e que se suman aos 3,7 millóns de unidades xa recepcionadas nos últimos días.

Sanidade envía este material de protección con carácter prioritario a hospitais, centros de saúde e residencias sociosanitarias, tal e como especifican os protocolos elaborados coas recomendacións do persoal de medicina preventiva.

Os protocolos de actuación para a protección dos profesionais na presente crise sanitaria provocada polo COVID-19 establecen a necesidade de que usen equipos de protección individual (EPI) para determinadas intervencións. Os elementos de protección recomendados son gafas de protección, batas de alta protección, máscaras respiratorias cirúrxicas e FFP2 e luvas de exame, xunto con solución hidroalcólica desinfectante.

Cómpre sinalar, que desde a pasada semana, o material sanitario que se reparta levará ilustracións doadas por Paco Leiro, pintor e escultor galego, e Rafael Canogal, un dos principais representantes do arte abstracto en España.
Consellería de Sanidade