Skip to main content

O 061 atendeu desde o inicio da pandemia máis de 195.000 chamadas, 47.400 relacionadas co COVID-19

Pola súa banda, o servizo de call center que recibe as chamadas na liña 900 400 116 para facilitar información á cidadanía sobre os síntomas do COVID-19 recibiu dende o 17 marzo (día no que se iniciou) un total de 65.053 chamadas. O número máximo de chamadas contestadas na liña 900 foi o pasado 20 de marzo, cando se atenderon 6.474 chamadas.

Ademais, a Central de Coordinación realizou un total de 3.310 traslados en ambulancia a pacientes por motivos relacionados por infección por coronavirus.

Reforzos de persoal

A Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 reforzou o seu persoal da Central de Coordinación para garantir que a asistencia sanitaria ás urxencias e ás emerxencias que se produzan na Comunidade Autónoma galega sexa axeitada durante esta situación.

Así, reforzouse as presencias por quenda dos profesionais médicos coordinadores, pasando dun máximo de 8 profesionais por quenda que había antes da pandemia ata un máximo de 13 no momento actual. O número destes profesionais adáptase cada día en función do estudo de chamadas do día anterior e das horas de concentración das mesmas.

Tamén se reforzou o persoal de enfermería de consulta pasando de un profesional de enfermería por quenda ata un máximo de 5 enfermeiros, tamén en función das demandas de cada xornada.

Así mesmo, os teleoperadores pasaron dun máximo de 11 profesionais por quenda ata acadar os 19 profesionais en cada quenda. Ademais, engádense a presencia de máis teleoperadores en momentos puntuais que acodiron de forma voluntaria.

Con respecto da liña de chamadas gratuítas 900 400 116, iniciada o día 17 de marzo, a presencia de teleoperadores varía adaptándose á concentración de horas chegando a estar 100 teleoperadores ao mesmo tempo nas horas de máxima concentración de chamadas. O horario deste call center é das 8h ás 24 horas, asumindo a Central de Coordinación 061 as chamadas que se realizan a este número o resto das horas.

Reforzo da rede de ambulancias

O 061 tamén reforzou a rede de transporte sanitario urxente de Galicia con ambulancias específicas para traslado de pacientes sospeitosos ou confirmados de infección por Covid-19 nas áreas nas que a demanda de traslados é maior. O número de ambulancias coas que se reforza varía segundo esta demanda.

Este reforzo permite que a rede de ambulancias continúe realizando unha atención de calidade a todas as patoloxías, urxencias e emerxencias como infartos agudos de miocardio, ictus, sepsis, politraumas… non relacionadas coa infección por coronavirus.

Así mesmo, este esforzo no reforzo de material posibilita optimizar o emprego dos recursos para o traslado de pacientes e mellorar nos tempos de resposta, xa que os recursos destinados a Covid-19 obrigan logo do seu uso a unha limpeza e desinfección polo que o tempo no que esta ambulancia volve a estar operativa é maior que a que non está destinada ao traslado de pacientes por coronavirus.
Centro de Coordinación Operativa (Cecop)