Skip to main content

Micromecenado para 'acelerar' a investigación contra a COVID-19

"Os grupos de investigación solicitan financiamento externo a diferentes entidades pero esas convocatorias poden tardar meses en resolverse", tal e como explicou este mércores o reitor Antonio López. "Con esta liña de micromecenado pretendemos lograr que os nosos equipos dispoñan xa de recursos para a fase inicial das súas investigacións", engade.

A través desta iniciativa, a USC quere acadar ata 100.000 euros que servirán para acometer traballos en diferentes áreas de coñecemento. "Esta captación de fondos destinarase a investigacións en distintos eidos, dende as Ciencias, Enxeñarías e Ciencias da Saúde, ata as Ciencias Sociais e Xurídicas onde se están a realizar traballos sobre o impacto económico do virus", explica o vicerreitor de Planificación, Tecnoloxías e Sustentabilidade, Gumersindo Feijoo. O prazo para realizar doazóns remata o 31 de xullo de 2020 e pode formalizarse a través desta ligazón.

Conexión coa sociedade

A USC puxo en marcha en novembro de 2019 o programa de micromecenado 'Sumo Valor' co obxecto de crear un espazo de encontro que implique a empresas, institucións e sociedade nas actividades, proxectos e servizos que a Universidade desenvolve en materia de investigación, cultura ou deportes, entre outros ámbitos. Antonio López subliña que esta iniciativa constitúe un “vínculo activo coa USC e un instrumento que reforza a nosa conexión coa sociedade”, facéndoa partícipe do desenvolvemento da investigación e do coñecemento xerado.

Enténdese por microdoazón a liberalidade ou dación dunha cantidade monetaria ou dun ben, tanxible ou intanxible, sempre que tal cantidade ou o valor do ben non superen os 3.000 euros. Para as persoas físicas ou xurídicas que queiran facer unha microdoazón de bens, tanxibles ou intanxibles, ou de dereitos, ponse á súa disposición un formulario accesible desde a web.
Universidade de Santiago de Compostela