Skip to main content

A Rede CeMIT ofrece formación online a través da súa plataforma virtual e propostas e recomendacións diarias na web Faite Dixital

Para acceder a estes recursos tan só é preciso darse de alta na Rede a través da páxina web de CeMIT.

Apoio para os maiores

A Rede, cuxa actividade fan especial fincapé nas persoas con máis dificultades no acceso a tecnoloxía, entre eles o colectivo de maiores, colabora estes días co aliado dixital Fegaus na iniciativa #MayoresActivosEnCasa, e a través da plataforma web Canal Sénior, calquera cidadán con conexión a internet, pode participar nas charlas sobre tecnoloxía, historia, arte, manualidades, etc.

Ademais, axentes TIC responsables da formación das aulas CeMIT están a centrar a súa labor formativa estas semanas no acompañamento personalizado e titorización, principalmente, das persoas maiores, ben a través do teléfono para os alumnos e alumnas con menos coñecementos, ou a través de mail, redes sociais ou aplicacións de videoconferencia.

Neste último mes, a formación dixital para as persoas maiores orientouse principalmente á comunicación a través das ferramentas e aplicacións dixitais e tamén no uso de servizos dixitais, coma a solicitude de cita no médico (para a consulta telefónica) a través da plataforma de É-Saúde ou a banca electrónica. A formación complétase con propostas de ocio como xogos de memoria, culturais e visitas virtuais, exercicio ou receitas.

Para coñecer as aulas que están a desenvolver este tipo de actividades, aconséllase contactar directamente cos responsables dos centros CeMIT.

Guías e post con propostas e recomendacións tecnolóxicas

A Amtega, desde o comezo do estado de alerta sumouse a iniciativa #EuQuedoNaCasa e desde a Web Faitedixital publica diariamente unha gran variedade de post para toda a cidadanía con propostas de recursos tecnolóxicos que permiten sacar un maior aproveitamento desta situación que estamos a vivir, impulsando un uso seguro e responsable da tecnoloxía no fogar, asegurando un bo teletraballo ou manténdote activo física e mentalmente.

Esta semana as publicacións estiveron dirixidas ás persoas maiores e tamén publicarase a Guía para persoas maiores “Aproveita o tempo na casa coa tecnoloxía“.

A Rede CeMIT

A Rede CeMIT é unha iniciativa posta en marcha pola Amtega e conta coa colaboración de 92 concellos, está integrada por 98 aulas e está presente en 53 comarcas, co obxectivo común de transformar á cidadanía galega nunha sociedade plenamente integrada na sociedade dixital. A rede é un dos instrumentos principais do Plan de Inclusión Dixital de Galicia para ofrecer a cidadanía recursos de capacitación dixital en función do seu nivel de coñecemento.
Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia