Skip to main content

O programa 'Residencias Paraíso' do colectivo RPM impulsa seis novos proxectos de artes do movemento

En concreto, a sede do Centro Dramático Galego (CDG) recibirá a Andrea Quintana co seu solo de danza O raro é que bailar sexa raro.

Os outros cinco proxectos das Residencias Paraíso 2020 son Shelter, do colectivo Ex Architectures, no espazo Normal da Universidade da Coruña; Manodura, da artista galega Cris Vilariño xunto ao dramaturgo andaluz Alberto Cortés, no Teatro Rosalía Castro da Coruña e no Pazo da Cultura de Carballo; Teorema, de Javier Martín, no Pazo da Cultura de Narón; H/Ostia, de Laura Villaverde, Raquel Espada e Megan Hanley, no Vello Cárcere de Lugo, e Carne de canción, de Laila Tafur, na Igrexa da Madalena de Ribadavia en colaboración coa Mostra Internacional de Teatro (MIT) desta localidade ourensá.

Unha comisión integrada por Félix Fernández e Alexis Fernández, en representación do Colectivo RPM, e por Davide González, Marta Alonso e Natalia Balseiro como profesionais convidados, foi a encargada de seleccionar as propostas de entre as 62 recibidas para esta cuarta edición.

Estímulo á creación nas artes vivas

Coa súa implicación neste programa, a Xunta contribúe ao mantemento dunha iniciativa que, especialmente no actual contexto da crise provocada polo Covid-19, busca reforzar o seu papel como estímulo para a comunidade galega das artes vivas e da creación contemporánea. Ao tempo, recoñécese o labor que o Colectivo RPM vén levando a cabo desde a súa fundación en 2017 a prol do desenvolvemento deste sector en Galicia e que ten nas Residencias Paraíso unha das súas propostas máis sobresaíntes.
Residencias Paraíso