Skip to main content

O presidente da Xunta transmite o pésame de toda Galicia dorida polo pasamento do Papa Xoán Paulo II

O presidente da Xunta de Galicia, Manuel Fraga, asistiu na Catedral compostelá ao funeral en memoria de Xoán Paulo II, oficiado polo Arcebispo de Santiago, Monseñor Julián Barrio.

Previamente, Manuel Fraga achegouse ata o edificio do Arcebispado para asinar no libro de condolencias. O titular da Xunta deixou, na súa mensaxe, a súa solidariedade persoal, do Goberno que preside e do pobo galego pola morte do Santo Padre. Entre as súas verbas, o xefe do Executivo autonómico trasladou á Curia e á comunidade cristiá o “pésame de toda Galicia dorida” pola morte de Xoán Paulo II o pasado sábado á noite.

O funeral en memoria do Papa Xoán Paulo II tivo lugar na Catedral de Santiago de Compostela e nel estiveron presentes varios membros do Goberno galego, encabezados polo seu presidente, Manuel Fraga, e os máximos representantes do Parlamento galego, Xosé María García Leira, e do Concello de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, entre outras autoridades.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia