Skip to main content

A avaliación na USC será flexible, igualitaria e, preferentemente, sen exames

Cando para a avaliación resulte necesaria a realización de probas finais, estas deberán realizarse de xeito non presencial. Asemade, para a súa realización deberá terse en conta se o alumnado dispón de medios adecuados para a súa realización.

Para que esta situación excepcional non vaia en detrimento do expediente do alumnado, unha vez superada unha materia, esta recibirá unha cualificación que como mínimo será a correspondente á nota media do expediente da persoa avaliada. No caso de que a cualificación obtida da materia fose superior a esa nota media, no expediente reflectirase a cualificación obtida. As modalidades de avaliación para cada materia, así como as datas de celebración dos exames, deberán facerse públicas e poñerse en coñecemento do estudantado antes do 30 de abril.

As probas non presenciais con proba final telemática celebraranse entre o 1 e o 27 de xuño; mentres que as que non requiran proba final, deberán completarse entre o 15 de maio e o 5 de xuño. As datas posibles de probas da segunda oportunidade serán desde o 1 ata o 22 de xullo. A data límite para a publicación dos resultados da primeira oportunidade será o 30 de xuño, e para a segunda, o 27 de xullo. As datas de revisión das cualificacións deben fixarse dentro dos 5 días seguintes á data de publicación dos resultados, sen que, en ningún caso, poidan ir máis aló do 3 de xullo para a primeira oportunidade, e do 29 de xullo, para a segunda. O peche de actas terá lugar o 5 de xullo e o 30 de xullo, respectivamente.

TFG e TFM

Os Traballos Fin de Grao (TFG) e Fin de Mestrado (TFM) poderán defenderse con carácter xeral dende o 5 ao 24 de xullo e dende o 3 ao 30 de setembro de 2020. Excepcionalmente poderán defenderse ata o 30 de novembro de 2020, cando, por circunstancias xustificadas, o traballo non puidera defenderse dentro do prazo ordinario. Os centros determinarán a data límite de entrega dos traballos en función das datas previstas de lectura. A defensa poderá facerse por medios presenciais ou telemáticos de acordo co que se dispoña ao respecto.

Oferta de prazas

O Consello de Goberno aprobou tamén a oferta de prazas para as titulacións de grao, máster universitario e doutoramento de cara ao curso 2020-2021. En grao, deuse luz verde a 4.587 prazas, 29 máis que o ano académico anterior; en mestrado, aprobáronse 1.544; e en doutoramento, 820. Asemade, a USC aprobou a memoria do Programa de Grao Aberto 5USC Enxeñarías que está impulsado pola Facultade de Ciencias e pola Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do campus de Lugo. Dotado con dez prazas, a rama de coñecemento na que se enmarca é a de Enxeñaría e Arquitectura e a súa duración será de tres semestres.

Como novidade na oferta de graos, a USC implantará dúas novas titulacións no Campus de Lugo, dotadas con 45 prazas cada unha. Trátase dos graos en Empresa e Tecnoloxía da Facultade de Administración e Dirección de Empresas; e en Bioquímica, na Facultade de Ciencias. Ambas as dúas titulacións están nun proceso avanzado da tramitación da súa verificación.

Asemade, implantarase unha modificación substancial do grao en Bioloxía, que incorpora mencións. Con respecto á oferta de másteres universitarios, as novas propostas inclúen o Máster en Nanociencia e Nanotecnoloxía, o Máster en Visión por Computador e o Máster en Planificación e Xestión Territorial.

Procedementos de admisión

O Consello ratificou tamén o acordo das universidades públicas galegas sobre os procedementos de admisión aos estudos universitarios oficiais de grao para o curso 20/21. O documento tamén contempla os criterios específicos para a adxudicación de prazas nas universidades públicas.

Situación económica

Nesta xuntanza presentouse ademais un informe sobre actuacións en materia económica e orzamentaria pola situación derivada da crise polo COVID-19. A suspensión da actividade docente presencial, en primeiro lugar, e o peche das instalacións, posteriormente, supuxeron unha importante reorganización dos recursos da USC coa finalidade de continuar a prestación dos seus servizos de xeito non presencial. As decisións adoptadas pola Universidade para manter eses servizos esixiron reservar os recursos existentes para destinalos a actuacións prioritarias, tendo en conta os principios de eficacia e eficiencia no gasto, e en previsión de posibles dificultades de tesourería derivadas da diminución dos ingresos.

O saldo entre a caída de ingresos esperada e a redución dos créditos dá como resultado un déficit inicial orzamentario de 50.000 euros no escenario máis optimista e que podería ascender a 2,9 millóns de euros. "Neste sentido, debemos primar aqueles investimentos que axuden a superar circunstancias persoais desfavorables no caso do alumnado que se vexa afectado polas consecuencias da crise e aqueloutros que respondan ás necesidades máis importantes da Universidade (docencia e investigación), e tamén ás infraestruturas, non só polo grave deterioro que teñen algunhas delas, senón tamén porque se trata dun investimento que pode servir para colaborar na reactivación do tecido económico galego, tan necesitado de apoio nunha situación como a actual", constata o documento presentado este mércores.

Outros asuntos

O Consello tamén tratou a modificación da memoria do dobre grao de Enxeñaría Agrícola e Agroalimentaria e Enxeñaría Forestal e do Medio Natural e as propostas de estudos propios.
Universidade de Santiago de Compostela