Skip to main content

O impacto psicolóxico do confinamento no alumnado, a estudo en ConVIDa-20

O brote de coronavirus está a causar desafíos excepcionais a escala mundial tanto para a saúde humana como para o funcionamento da sociedade. No seo das universidades, coas aulas confinadas en ordenadores, tabletas e dispositivos móbiles, abriuse un escenario complexo para o normal desenvolvemento da vida académica. En particular, a poboación universitaria enfróntase a cambios vertixinosos e adaptacións continuas cuxo impacto psicolóxico é, actualmente, descoñecido.

Ante esta situación excepcional, un equipo da Facultade de Psicoloxía da USC formado por membros dos grupos de investigación Procesos Cognitivos e Conduta e Underisk colabora na posta en marcha dun estudo en liña coa finalidade de explorar os efectos que o confinamento e as medidas de distanciamento social teñen na saúde mental e no benestar da poboación de estudantes de universidade.

Esta investigación, subliñan os seus promotores, axudará a comprender os desafíos psicolóxicos e sociais aos que se enfronta o alumnado universitario durante o confinamento, ademais de posibles experiencias positivas e aprendizaxes inesperadas pero, sobre todo, os factores que poden protexer contra os efectos negativos na saúde mental.

Participación

O estudo ConVIDa-20 está aberto a todas as persoas que cursen estudos universitarios de calquera nivel ou titulación principalmente no Sistema Universitario de Galicia. A participación implica responder, ben en galego ben en español, unha enquisa en liña duns 20-25 minutos de duración que, de forma anónima, aborda aspectos relacionados co benestar físico e psicolóxico, así como coas condicións de vida persoais e académicas durante o confinamento. A información proporcionada é completamente confidencial e será tratada para fins exclusivos de investigación.
Universidade de Santiago de Compostela