Skip to main content

Recursos educativos de balde e en liña para os máis pequenos da casa

Esta iniciativa enmárcase dentro da denominada Aprendizaxe-Servizo (ApS), metodoloxía educativa que "integra os procesos de aprendizaxe coa realización de tarefas de servizo á comunidade", explica o profesor Javier Rico, responsable da materia Didáctica da Expresión e da Comunicación Corporal. Nun marco de reciprocidade, o alumnado traballa sobre as necesidades reais da contorna o que lle permite mellorar o coñecemento nunha disciplina e ampliar a súa responsabilidade social. Deste xeito, 42 mozos e mozas "puidemos aprender facendo", sinala o propio alumnado, aplicando os contidos adquiridos nesta materia, así como en Motricidade Infantil, impartida polo tamén profesor da USC, Geno Rodríguez.

Gran repercusión

Once listas de reprodución serven para estruturar os máis de medio centenar de vídeos subidos polo alumnado, así como por persoeiros de relevancia que quixeron amosar de forma pública o seu apoio a esta iniciativa. "A aprendizaxe está a ser espectacular", afirma o alumnado que puxo en marcha o proxecto, "non esperabamos ter tan boa acollida".

A asociación ARC Os Tilos e o Centro Cívico de Laraño eran as dúas entidades nas que, nun primeiro momento, o alumnado debía volcar o aprendido nas aulas, de feito, no primeiro semestre o alumnado desenvolveu todas as sesións con estas entidades. Porén, a situación de confinamento por mor da crise da COVID-19, deulle un xiro inesperado á situación coa creación deste banco de recursos en liña e de balde que está a ser seguido por milleiros de persoas. Así, a actriz María Castro, o humorista David Amor, ou a cantante Fátima Pego, entre outros, xa gravaron os seus propios vídeos co cancelo #NósXogamosNaCasa para manifestar publicamente a importancia deste proxecto.
Universidade de Santiago de Compostela