Skip to main content

O prazo para que os gandeiros e agricultores galegos soliciten as axudas da PAC amplíase ata o 15 de xuño

Deste xeito, a orde establece que as solicitudes únicas destas axudas se poderán presentar de xeito telemático ata o 15 de xuño. Mentres, finalizará o día 30 do mes que vén tanto o prazo de modificación das solicitudes únicas como o prazo de presentación das solicitudes de alegación do SIXPAC e das comunicacións da cesión de dereitos de pagamento básico.

Cabe lembrar que o orzamento previsto para esta convocatoria se eleva aos 216 millóns de euros, dos cales 170 millóns corresponden aos pagamentos directos á agricultura e á gandaría e ás axudas ao desenvolvemento rural suxeitas ao Sistema Integrado de Xestión e Control, as coñecidas como axudas da PAC. Os outros máis de 46 millóns de euros irán dirixidos ás medidas de desenvolvemento rural (axudas a zonas con limitación naturais, agroambiente e clima, agricultura ecolóxica e para o mantemento de plantacións forestais en terras non agrícolas).

Prevese que uns 27.000 agricultores e gandeiros soliciten estas achegas, que xestiona o Fondo Galego de Garantía Agraria e que son de gran interese para o sector primario. Grazas a estas axudas conséguense reducir as diferenzas entre a renda agraria e a urbana, á vez que se potencia os agricultores realmente activos e prácticas agrícolas beneficiosas para o clima e o medio ambiente.

A Consellería do Medio Rural traballa con máis de 50 entidades colaboradoras para prestar apoio ás persoas interesadas nestas achegas, como son as entidades bancarias, asociacións agrarias, organizacións profesionais e as entidades de aconsellamento.
Consellería do Medio Rural