Skip to main content

Un estudo aborda o vínculo das parellas separadas con fillos durante o confinamento

“O estudo naceu para coñecer se a crise sanitaria, social e en moitos casos persoal que a COVID-19 está provocando, afectaba dalgunha maneira á forma de levar a cabo a coparentalidade”, explican os responsables do estudo. Ata a data, realizáronse cuestionarios a máis de 300 proxenitores e a preto de 300 profesionais do ámbito do dereito de familia como parte dun traballo que busca coñecer, entre outros aspectos, como se están xestionando os tempos de estancia e convivencia dos fillos e fillas durante este período de confinamento.

Como afecta á custodia?

Dirixido a pais e nais con descendentes menores de idade e separados, divorciados ou implicados “en procesos de ruptura de parella”, tanto con custodia compartida como exclusiva, o cuestionario busca coñecer “que decisións tomaron estes proxenitores con respecto aos intercambios de fillos” no contexto xerado polo coronavirus. “Parecíanos importante coñecer se os proxenitores que tiñan a custodia en exclusiva, materna ou paterna, e os que a tiñan compartida diferían na maneira de pensar e actuar neste momento tan vital para as súas familias e para a humanidade, ao mesmo tempo que saber se estaban a relacionarse de igual xeito pais e nais”, salienta a catedrática de Psicoloxía Xurídica do Menor da Universidade de Vigo e coordinadora desta investigación, Francisca Fariña. A investigación naceu “da preocupación que nos espertaron certas declaracións de xuristas moi respectados dicindo que as pautas relacionais aprobadas por sentencia tiñan que seguir cumpríndose”.

Así, un dos focos de interese do estudo é “saber que se estaba priorizando” nesta situación, “se protexer aos seus fillos, respectar o confinamento, a saúde pública, os seus dereitos a estar cos seus fillos...”. Máxime, lembran, despois de que nas últimas semanas se sucederan os pronunciamentos, “en moitos casos totalmente opostos”, respecto de como deberían proceder as e os proxenitores “con respecto aos intercambios”, por parte de diferentes institucións, estamentos, asociacións e xuíces. “Na nosa opinión, os intercambios, en xeral, poden supor unha situación que incrementa o risco de contaxio para os fillos e fillas, pero hai que analizar de maneira individual cada caso”, sosteñen, malia que cando dous proxenitores viven sos, respectan o confinamento e se desprazan no seu vehículo á casa do outro, “os riscos de infección non se ven incrementados”.

Un estudo que se estende e a México

Trala elaboración dun cuestionario no que buscaban que pais e nais tivesen que “reflexionar sobre cuestións que poden facer modificar a súa perspectiva sobre o que son as súas obrigas”, o persoal investigador decidiu sumar á análise o punto de vista de diferentes profesionais do dereito de familia con outra serie de preto de 300 cuestionarios. A investigación contou coa colaboración da Asociación Española de Avogados de Familia (AEAFA), da Plataforma Familia y Derecho e da asociación Avogados Colaborativos de Familia. Asemade, o estudo, que segue aberto e se atopa actualmente na fase de análise dos primeiros resultados obtidos, sumará tamén os cuestionarios que se realicen en México baixo a coordinación da presidenta do Colegio de Profesionistas de Psicología, Olga García. Coa idea de darlle carácter internacional, os investigadores estudan actualmente a posibilidade de sumar a colaboración doutras asociacións.

Canto mellor estean os adultos, mellor estarán os nenos

Respecto ás consecuencias psicolóxicas que poderían supor para os menores unha situación de confinamento, os investigadores sinalan ansiedade, angustia, depresión, agresividade, cambios no ritmo do sono ou falta de concentración como as problemáticas que poderían darse con maior frecuencia. Mais, tamén subliña que “son moitos os factores que inciden en que exista afectación ou non”, tendo en conta a diversidade de situacións que poden darse durante o estado de alarma. “Non é o mesmo un confinamento nun piso de 50 metros cadrados no que viven cinco persoas que nunha casa de 300 metros con xardín”, engaden os investigadores, os cales sinalan tamén aos efectos que neste ámbito pode ter a “inseguridade laboral” que a crise da COVID-19 pode xerar nos adultos, sostendo que, en termos xerais, “unha vez máis son as persoas das clases sociais menos favorecidas as que levan a peor parte desta crise sanitaria”. Nese senso, os investigadores conclúen que “pode afirmarse que, en xeral, canto mellor estean psicoloxicamente os adultos cos que se atopan os nenos e os adolescentes, mellor estarán eles e elas, e tamén o contrario”.
Universidade de Santiago de Compostela