Skip to main content

A nova Lei do Voluntariado recolle os dereitos das persoas que se benefician dunha acción voluntaria

O presidente da Xunta de Galicia, Manuel Fraga, sinalou que a nova Lei do Voluntariado recolle, como principal novidade, os dereitos das persoas que se benefician dunha acción voluntaria. O mandatario galego fixo este anuncio na inauguración de Volunet, Conferencia Internacional de Voluntariado e Novas Tecnoloxías, no decurso dun acto, ao que tamén asistiu a conselleira de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado, Pilar Rojo.

Durante a súa intervención, Manuel Fraga lembrou que a nova Lei do Voluntariado, actualmente en trámite parlamentario, foi redactada contando coa participación das entidades vinculadas ao mundo da solidariedade na Comunidade galega. Estas contribucións están recollidas no texto definitivo, segundo apuntou o presidente da Xunta.

Referíndose á acción solidaria, o titular do Goberno galego considera máis beneficiosa para a solidariedade unha acción voluntaria durante un ano, “aínda que sexa unha hora ao día, que unha acción voluntaria durante máis horas, pero menos longa no tempo”. “Debemos pensar –engadiu- nos beneficiarios da nosa solidariedade, que agradecen o esforzo voluntario que facemos por eles pero que esixen, na maioría dos casos, permanencia como sinónimo de proximidade e confianza”.

Volunet, Conferencia Internacional de Voluntariado e Novas Tecnoloxías nace coa finalidade de facilitar ás entidades de acción voluntaria galegas a súa entrada efectiva na Sociedade da Información. Ao longo de tres días –desde hoxe ata o vindeiro sábado, 9 de abril- o mundo do voluntariado poderá coñecer en Volunet as posibilidades e iniciativas que existen no ciberespacio, entre as que se atopan a utilización de Internet para involucrar a persoas voluntarias ou para realizar labores de seguimento das accións solidarias.

No marco desta iniciativa estase a celebrar a Conferencia Internacional de Voluntariado e Novas Tecnoloxías, un foro no que se dan cita expertos que analizarán a relación entre Internet e a voz das persoas, a visión das empresas tecnolóxicas nun entorno solidario, o rol do voluntariado na sociedade da información e todo o referente ao voluntariado on line.

Paralelamente a este congreso, o Pazo de Congresos e Exposicións de Galicia acolle a celebración da Cidade Solidaria, un marco no que as entidades, universidades e concellos galegos poderán informar acerca dos seus proxectos solidarios.

Ademais, os días 7 e 8 levaranse a cabo obradoiros de traballo que proporcionarán experiencias en voluntariado virtual a persoas que estean interesadas en axudas ao desenvolvemento de actividades voluntarias, que podan realizarse a través de Internet. Os organizadores prevén participación nestes obradoiros duns mil cincocentos mozos e mozas que, segundo sinalou Manuel Fraga “teñen conciencia solidaria e queren achegar o mellor deles en beneficio da sociedade”.

Previamente, o titular do Goberno galego, Manuel Fraga, reuniuse co vicepresidente mundial de Sun Microsystem e director de Sun Microsystem Ibérica, Adolfo Hernández, quen esta mañá pronunciou un relatorio baixo o título e-voluntariado, a visión de Sun, na que analizou os problemas do voluntariado e a necesidade de empregar as redes de información neste campo. O máximo mandatario galego cualificou ao vicepresidente de Sun Microsystem como “unha gran figura”, lembrando que ten traballo xa en Inglaterra e en toda Europa.

Pola súa banda, Adolfo Hernández, subliñou que “é un pracer o poder estar aquí, traballando coa Xunta nun proxecto coma este” e poder achegar a perspectiva de Sun Microsystem sobre cómo se pode combinar o mundo da sociedade da información e co do voluntariado para avanzar cualitativamente nesta área.

INTERVENCIÓN DO PRESIDENTE DA XUNTA DE GALICIA NA INAUGURACIÓN DE VOLUNET

- “Esta cidade solidaria na que nos atopamos foi creada para Volunet, Conferencia Internacional de Voluntariado e Novas Tecnoloxías, proxecto novidoso que enlaza as novas tecnoloxías co mundo da solidariedade, e que pretende a formación integral das entidades no ámbito tecnolóxico para que poidan utilizar as ferramentas intrínsecas ao mundo da informática nos seus proxectos solidarios”.

- “O noso propósito ao crear este espazo non foi outro que o de propiciar a relación de todas as entidades que traballan no mundo do voluntariado para que poidan compartir os seus proxectos solidarios durante tres días, e intercambiar as canles de formación necesarias para poder levalos a cabo”.

- “É mellor para a solidariedade unha acción voluntaria durante un ano, aínda que sexa unha hora ao día, que unha acción voluntaria durante máis horas, pero menos longa no tempo”.

- “Debemos pensar tamén nos beneficiarios da nosa solidariedade, que agradecen o esforzo voluntario que facemos por eles pero que esixen, na maioría dos casos, permanencia como sinónimo de proximidade e confianza”.

- “No nova Lei do Voluntariado, que está xa no Parlamento para ser debatida nestes próximos días, tamén recollemos, no Título II ‘Dos destinatarios da acción voluntaria’, nos artigos 7 e 8, os dereitos das persoas que se benefician dunha acción voluntaria, o que resulta totalmente novidoso nunha lei solidaria”.

- “Este texto normativo, que reforma a anterior Lei do Voluntariado, foi redactado coa vosa participación, coas achegas feitas por todas as entidades galegas que traballan no mundo do voluntariado, e que están recollidas no texto definitivo”.

- “Quero agradecer ao vicepresidente mundial de Sun Microsystem, Adolfo Hernández, a súa presenza e patrocinio de Volunet con estes 500 paquetes ofimáticos, software necesario e imprescindible para o desenvolvemento das organizacións de voluntariado nas novas tecnoloxías. E tamén darvos as grazas a todos por estar hoxe nesta cidade solidaria, dispostos a informar aos que se acheguen ata aquí dos vosos proxectos, e a formarvos nos obradoiros previstos neste foro, no que se van reunir mil cincocentos mozos e mozas, que teñen conciencia solidaria e queren achegar o mellor deles en beneficio da sociedade”.

SUN MICROSYSTEM

O vicepresidente de Microsystem e presidente de Sun Ibérica, Adolfo Hernández, foi o encargado de abrir a primeira sesión da Conferencia Internacional de Novas Tecnoloxías e Voluntariado, que se celebrará ata o sábado no pazo de Congresos de Santiago de Compostela. O encontro está organizado pola Dirección Xeral de Voluntariado e nel participan un total de 1.400 persoas e un centenar de entidades solidarias.

Hernández fixo un chamamento ás organizacións de voluntarios para que se acheguen ao mundo empresarial, xa que segundo este experto en telecomunicacións os voluntarios constitúen unha peza básica no tecido social. Para o ponente, “a máxima de que a empresa debe devolver o que recibe da sociedade está a ser unha realidade”.

Segundo o vicepresidente mundial de Sun Microsystem, “só as organizacións que sexan capaces de reflectir os valores e que teñan conciencia social terán éxito no futuro”. Hernández explicou que “día a día os programas de responsabilidade civil cobran maior importancia nas empresas e ademais resultan moi eficaces na promoción e réxime interno das compañías”.

No relatorio, Adolfo Hernández ofreceu unha serie de claves para levar a cabo o denominado e-voluntariado. Para o conferenciante existen catro eixos fundamentais: que exista conectividade, é decir que haxa posibilidade de ter un PC e acceso a Internet; novas ideas e modelos de traballo; que se produza unha innovación intelectual e, por último, que as ONG estén en constante comunicación coas empresas.

Na charla tamén se fixo fincapé na importancia que terá a expansión do e-voluntariado, xa que poderá realizar movilizacións en tempo real, a colaboración virtual será unha realidade, contribuirá a que a teleformación de voluntarios teña un maior acceso e haberá novas formas de captación de socios e novas fontes de financiación.

Hernández debuxou ante o auditorio o que se ve como perfil do e-voluntario. Debe sentirse cómodo coas Tecnoloxías da Información e da Comunicación (TIC), posuir intelixencia emocional, ser capaz de actuar en contornos multiculturais e multinacionais, é unha persoa que necesita suprimir as barreiras do espazo físico e a falla de tempo, e debe ter capacidade de liderazgo.

Tamén está a cambiar o perfil do traballador dunha ONG, xa que debe ser unha persoa preocupada pola continuidade do aprendizaxe, con compromiso, confianza e comprensión.

Por parte das institucións, é importante que teñan vocación de innovar, de captar ideas e recursos virtuais e de absorber un alto número de cambios no contorno, ter capacidade de utilizar os instrumentos dos e-voluntarios e de desenvolver novos conceptos en relación coas empresas.

JAZZTEL

O creador de Viatel, Jazztel e Ya.com, Martín Varsavsky, insistiu na importancia das novas tecnoloxías na educación. Para este empresario arxentino, a creación de portais de ensino permite a xeración de contidos e servizos para comunidades educativas en moitos lugares onde sen Internet sería imposible.

A Fundación Varsavsky é a creadora do portal www.educ.ar, gracias ao que moitas escolas arxentinas teñen acceso á Rede e a través do que miles de rapaces do país sudamericano saben o que son as novas tecnoloxías.

No relatorio, Varsavsky, destacou as grandes posibilidades de divulgación que ofrece Internet na sociedade actual, permitindo que cidadáns de todo o mundo participen dunha mesma petición ou protesta.

Para o creador de Jazztel, “estamos nun momento no que é posible doar ideas a gran parte da sociedade e poñelas en marcha con moi pouco presuposto, porque o acceso a Internet é moi barato”. Gracias á Rede, segundo o ponente, o cidadán ten máis información e, como consecuencia, máis poder.

Martín Varsavsky defendeu tamén que hoxe existen miles de cibervoluntarios porque todo o que expón as súas ideas de xeito gratuito “é alguen que fai algo polos demais”. “En solidariedade _engadiu_ as patentes non poden existir; todos temos que expoñer gratis os noso coñecemento”.

A xornada de mañá abrirase ás 10 horas coa conferencia “Sociedad da Información e Voluntariado”, a cargo de Carmen Laviña Bellido, presidenta da Plataforma de Voluntariado de España; a quen lle seguirá Ismael Peña, director de Cooperación ao Desenvolvemento da UOC, coa ponencia “Voluntariado Virtual”. A sesión matutina rematará cunha mesa redonda que xirará en torno ás redes existentes para o voluntariado.

Xa pola tarde, Diana Casellas, responsable de comunicación de Intermón-Oxfam, falará da exclusión na sociedade da información e posteriormente haberá unha serie de obradoiros que se desenvolverán ata as 20 horas. Neles participarán entre outros expertos Ilan Kava Franklin, coordinadora do site donarsindesenvolsar.net; Juan Merín, director de mobilización social e educación para o desenvolvemento de UNICEF; ou Arancha Cejudo, responsable de contados da páxina www.hacesfalta.org

Gabinete de Comunicación da Consellería de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado da Xunta de Galicia