Skip to main content

A campaña #VoudeSúperFeirón fomentará nas redes sociais o consumo de produtos agroalimentarios galegos

Así o explicou hoxe o conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado do director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, tras reunírense por videoconferencia con representantes das dez cadeas de distribución que colaboran con Mercaproximidade, a canle alternativa de venda creada pola Xunta co fin de dar saída aos produtos agroalimentarios galegos que na emerxencia sanitaria viron pechadas as súas canles habituais de comercialización. Esta vía de venda promociónase, precisamente, a través da devandita campaña.

O conselleiro trasladou que con este novo impulso -que se porá en marcha nas vindeiras semanas- trátase de animar a que cadaquén, desde a súa casa, elabore receitas con produto agroalimentario galego e que as presente a través das súas redes sociais co cancelo #FeirónNaCasa. González destacou que esta é unha maneira lúdica de potenciar e poñer en valor a despensa galega nos fogares, nun momento no que aínda existen dificultades para comercializar as producións do agro galego en canles como as da hostalería e a restauración, malia que se vai avanzando pouco a pouco.

Éxito de Mercaproximidade

Neste sentido, o titular de Medio Rural celebrou a boa marcha da canle Mercaproximidade e lembrou que en total máis de 450 gandeiros, agricultores e industrias se sumaron a esta rede, así como a práctica totalidade das cadeas de distribución que operan en Galicia. Por este motivo, agradeceu, unha vez máis, a súa colaboración a Gadis, Froiz, Vegalsa-Eroski, El Corte Inglés, Carrefour, Grupo Cuevas, Lidl, Alcampo, Coviran e DIA.

O conselleiro recordou que esta canle “naceu co obxectivo de apoiar o inxente labor que, día a día, sen descanso, os nosos produtores do rural levan a cabo para que na mesa non nos falte de nada” e puxo en valor que “eses agricultores e gandeiros, como verdadeiros heroes, foron quen de seguir traballando arreo desde as nosas aldeas durante a emerxencia sanitaria para garantir a prioritaria subministración de alimentos”.

Por iso, engadiu González, a Xunta quixo estar ao seu carón, “especialmente cando se suspenderon os mercados locais, unhas feiras das que moitos dependían para vender os seus produtos e que paseniño van retomando a súa actividade por toda Galicia, así como cando pechou a hostalaría e a restauración, e moitos outros quedaron sen a súa principal canle de comercialización”.

Vertente solidaria

Por último, o conselleiro do Medio Rural quixo salientar tamén a vertente solidaria de Mercaproximidade, xa que a partir desta canle a Xunta está a mercar numerosos produtos agroalimentarios para cederlles a hospitais, comedores e outras entidades sociais de toda a comunidade.

Así, José González sinalou que “ao abeiro de Mercaproximidade todos sumamos, e todos queremos seguir sumando”, porque “cada un de nós pode aportar algo para o futuro do noso rural e hoxe animamos a cada familia da comunidade, a cada galego, a que pense en Galicia ao facer a súa lista da compra e tamén á hora de cociñar”.
#VoudeSúperFeirón