Skip to main content

O Colectivo Egeria presenta o libro 'Carballo Calero en Lugo - Don Ricardo de Fingoi'

Este volumen de 250 páxinas, dirixido por Xulio Xiz, no que figuran como coautores 34 exalumnos e exalumnas do Colexio Fingoi, nos tempos de Carballo Calero, e o historiador Antonio Prado, verá a luz en formato físico en canto a situación sanitaria de Galicia o permita, pero pode ser xa descargado gratuitamente na Biblioteca Virtual de Galicia Digital, e os seus contidos consultados na web www.carballocaleroenlugo.org.

A publicación, con portada na que ten principal protagonismo a caricatura de don Ricardo feita por Siro para esta edición, ten unha importante achega gráfica procedente tanto do Arquivo do Colexio Fingoi e da Familia Carballo Calero, como do antigo alumnado do Colexio dos tempos do profesor Carballo Calero.

Exposición itinerante

Está formada por 13 paneis que reflicten diversos aspectos do impacto que os quince anos de Carballo en Lugo produciron na sociedade lucense e a pegada que Lugo e os lucenses deixaron no profesor e escritor.

Hai paneis dedicados a “Don Ricardo de Fingoi”; Don Antonio Fernández, o creador deste senlleiro colexio; o papel de Carballo como director e profesor; o papel do teatro no seu programa educativo; a incidencia de Carballo na sociedade lucense; a repercusión da súa obra lucense en todo o mundo galego; a semente de Carballo na escrita do seu alumnado; a presenza de Lugo nas súas cartas e conversas e as lembranzas de alumnas e alumnos.

Esta exposición presentouse ao público o pasado 15 de xaneiro nun acto celebrado no Colexio Fingoi, dando comezo ao Ano Carballo Calero en Lugo.

A continuación visitou a Delegación da Xunta de Galicia en Lugo; en Santiago, o Instituto Rosalía de Castro (onde ensinou Carballo) e a súa Facultade de Filosofía e Letras da USC; o Instituto Xograr Afonso Gómez, de Sarria; o Colexio de Paradela; a Biblioteca Nodal de A Coruña, e no Ferrol natal de Carballo Calero o Club de Prensa e o Instituto que leva o seu nome. O percorrido da exposición veuse interrumpido pola situación sanitaria do país, agardando que cando se restableza a normalidade poida reanudar o seu periplo por Galicia e, de xeito especial, pola provincia de Lugo.

Web www.carballocaleroenlugo.org

Posta en funcionamento con motivo do inicio dos actos do Ano de Carballo Calero en Lugo, no momento actual recolle xa estes actos celebrados no Colexio Fingoi, gravacións da entrevista efectuada nos anos oitenta en Radio Popular de Lugo por Xulio Xiz a Carballo Calero e o seu discípulo Ramón Reimunde Noreña, e os contidos do libro “CARBALLO CALERO EN LUGO. Don Ricardo de Fingoi”, coas lembranzas de 34 alumnos e alumnas de Carballo Calero no Colexio Fingoi, cun traballo do historiador e profesor Antonio Prado Gómez sobre a presencia de Carballo en “Vida Gallega” e no Boletín da Comisión Provincial de Monumentos.
Colectivo Egeria