Skip to main content

O conselleiro de Emigración inicia un periplo de seis días na Arxentina con xuntanzas coas directivas de dez entidades galegas de Bos Aires

O conselleiro de Emigración, Aurelio Miras Portugal, inicia a súa viaxe institucional á República Arxentina onde visitará a sé de 19 entidades galegas ubicadas tanto na capital federal, coma na provincia de Buenos Aires ou en Córdoba e Tierra de Fuego- concretamente na cidade de Ushuaia-.

Así mesmo, no transcurso desta viaxe- que se prolonga ata o vindeiro día 12 de abril- suscribiranse cinco convenios de colaboración entre a Fundación Galicia Emigración e distintas entidades galegas, de cara a renovar compromisos en materia de asistencia sociosanitaria, a través da financiación do Centro de Atención a Maiores e o Centro de Día ubicados no Centro Galego de Xubilados e Pensionados e no Centro Galego de Buenos Aires, respectivamente. Así mesmo, o Fogar Galego para Anciáns- Domselaar- e a Fundación Mujer, Paz y Desarrollo colaborarán coa FGE para levar a cabo un programa de distribución alimentaria entre os emigrantes galegos e os seus descendentes no área de Avellaneda.

PRIMEIRA OFICINA PARA O RETORNO NO EXTERIOR

Outro dos acordos que serán rubricado por Miras o vindeiro sábado, será o convenio polo que se porá en marcha un servicio de información e asesoramento para o retorno na sé do Centro Galicia de Buenos Aires, integrado na rede de Oficinas de Retorno no exterior e impulsada pola Consellería de Emigración da Xunta de Galicia. Esta primeira Oficina- no marco dunha rede que se extenderá por Europa e outros países de iberoamérica- terá como finalidade a prestación de servicios de apoio, información, orientación, e asesoramento sobre tódalas materias e asuntos que incidan no retorno e residencia en Galicia, e, en particular, no orientado ó mercado de traballo.

ENCONTROS COA COLECTIVIDADE

Miras entrevistarase durante esta mesma tarde coas comisións directivas,encabezadas polos seus presidentes, de dez entidades galegas, da capital federal, e de tamaño inferior ós grandes centros que acolle o país austral, mais que conxuntamente manteñen unha actividade importante vencellada fundamentalmente á cultura, ó deporte e ás tradicións galegas e que na súa maioría están agrupadas baixo a Federación de Asociacións Galegas da República Arxentina.

Nesta xornada xuntarase coa Asociación Cultural Recreativa Rairiz de Veiga, a Asociación de Residentes del Distrito de Rodeiro en Buenos Aires Ayuda Mutua y Repatriación, a Asociación Oleiros, Mutual, Cultural y Recreativa e a Asociación Civil Sociedad de Nativos del Ayuntamiento de Cambados, así como a Sociedad de Nativos del Ayuntamiento de Vilagarcia de Arousa, Unión de Residentes de Dodro, a Asociación de Residentes de Salvatierra de Miño en la República Argentina, a Sociedad Agrícola Cultural y Recreativa del municipio de Vedra en Buenos Aires - estas últimas integradas na Federación de Asociacións Galegas.

No transcurso de cada unha das xuntanzas as entidades presentarán ó conselleiro as demandas e logros de todas elas e o titular de Emigración terá ocasión de transmitir a todos eles a conveniencia de contar coa colaboración da Oficina Delegada da Consellería en Buenos Aires, como organismo de asesoramento administrativo e de información para tódolos socios das entidades galegas en Buenos Aires.

GALEGOS NOS CONFÍNS DA TERRA

O conselleiro Miras Portugal desprazarase ata Ushuaia, onde se atopa o máis austral dos centros galegos do mundo. Alí terá oportunidade de manter un encontro tanto co Intendente da capital, así como co Gobernador de Tierra de Fuego, máximas autoridades da provincia cos que tratará de encauzar acordos que resolvan a delicada situación económica que está a atravesar o Centro Galicia de Residentes Españois en Ushuaia.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Emigración da Xunta de Galicia