Skip to main content

Entre un terzo e a metade dos contaxios por COVID-19 estarían relacionados coa figura de 'súper-contaxiadores'

Para lograr a súa identificación, o equipo analizou case 5.000 xenomas do coronavirus, que en termos de código xenético do virus supoñen aproximadamente 150 millóns de letras. Con todo, a principal complicación do traballo non foi a cantidade de información coa que tiveron que lidar, xa que este grupo afai manexar este volume de datos que requiren un grande esforzo bioinformático. O problema computacional radica noutras análises máis propias da xenética evolutiva e para as que se necesitan días para obter resultados que logo hai que dixerir e interpretar.

Ademais da comprobación do nuevo dato sobre a existencia dun axente supercontaxiador, o estudio realizado leva parellas outras consideracións relacionadas coa data probable do inicio desta epidemia, así como a súa posible orixe que os investigadores sitúan no mundo animal.

Particularidades do virus en España

En palabras do doutor Salas, “este é un paso fundamental para entender o proceso de dispersión do virus; e seranos de grande utilidade para tratar de prever e previr futuros brotes e pandemias, xa sexa de coronavirus ou outros patóxenos con potencial igualmente letal ou mesmo superior”. Salas engade que “o escenario en España é un tanto particular no contexto do continente; no noso país entraron as primeiras cepas do virus que afectaron a case toda Europa, pero a maiores, recibimos unha cepa asiática que apenas entrou en ningún outro país europeo; un ‘supercontaxiador’ pertencente, especificamente, á liñaxe B3a”.

“Tiñamos claro que para entender o que estaba a ocorrer nesta pandemia primeiro debiamos facer unha reconstrución adecuada do proceso evolutivo que deu lugar ao virus e as súas distintas versións actuais; unha árbore filoxenética que relaciona todos os xenomas dunha maneira precisa e que é o alicerce fundamental sobre o que bascula case todo o demais”, explica o docente da Facultade de Medicina da USC Antonio Salas. Segundo os autores, esta sería a primeira vez que se utilizan os principios de máxima parsimonia para identificar as mutacións concretas que deron lugar ás distintas cepas do virus, “tratábase de aproveitar toda a nosa experiencia no campo da evolución xenómica e levala ao terreo do SARS- CoV-2”. Dixerir toda a información da que foron capaces de analizar estes investigadores e nun período de tempo tan breve supuxo unha complicación adicional. Segundo Federico Martinón, “é a natureza multidisciplinar do noso grupo e a nosa formación no ámbito da infectómica o que nos permitiu enfrontarnos a un proxecto destas dimensións”.

Ademais do traballo taxonómico realizado cos xenomas do coronavirus, o achado máis sorprendente e novo deste estudo é demostrar a existencia e o impacto na pandemia de persoas con alta sensibilidade para transmitir o virus COVID-19. Ata o momento, a figura do ‘supercontaxiador’ “discutiuse nos medios e desde un punto de vista epidemiolóxico” sen outra evidencia, aínda que agora os investigadores conseguiron revelar probas da súa existencia. Nalgúns lugares, estas figuras deron lugar ao que os xenetistas denominan tecnicamente como efectos fundadores locais, que se traduciron en brotes epidémicos locais ou nacionais.

Novembro de 2019

O estudo adiantado hoxe á comunidade científica discute temas de gran notoriedade pública. Por unha banda, os investigadores afirman que a variabilidade xenética do coronavirus correspóndese ao esperado por un proceso evolutivo natural. Neste sentido, sinalan que “os datos non serían compatibles con manipulacións de laboratorio, baseadas exclusivamente en teorías ‘conspiracionistas’ sen argumento científico”. Ademais, “usando simulacións teóricas que se alimentan da variabilidade xenómica observada no coronavirus, o traballo sitúa de maneira precisa a orixe evolutiva máis recente de todas as cepas actuais non antes de novembro de 2019”. En base aos datos recolleitos e analizados, o equipo formado por Antonio Salas e Federico Martinón suxire a posibilidade de que na primeira onda epidémica asiática puideron existir moitos máis casos que os reportados polas autoridades sanitarias.
Universidade de Santiago de Compostela