Skip to main content

O conselleiro de Sanidade explica á Asociación de Médicos Galegos o proxecto sanitario de Galicia

O conselleiro de Sanidade, José Manuel González Álvarez, acudiu a Madrid, invitado pola Asociación de Medicos Galegos (ASOMEGA), que preside o doutor Francisco Ruza Tarrío, para explicar a súa experiencia ao fronte da Consellería de Sanidade e dar conta do seu proxecto de futuro para a sanidade de Galicia. O conselleiro foi presentado pola anterior ministra de Sanidade, Ana Pastor Julián.

Segundo o titular sanitario galego, os principios rectores da actuación do seu departamento son a orientación aos cidadáns, a participación social e a calidade obxectiva, enfocado todo isto a garantir o dereito á saúde con equidade, tanto na aplicación dos recursos como nos criterios de xestión. As nosas liñas estratéxicas, dixo González Álvarez, xiran en torno a tres eixos fundamentais: os cidadáns, os usuarios do sistema asistencial e os profesionais.

No seu discurso o conselleiro dixo que a participación dos cidadáns nas decisións que afectan ao seu sistema sanitario é un elemento clave para o seu funcionamento futuro. Cun cidadán ben informado –proseguiu- acadaremos unha maior implicación e un uso racional máis axeitado do sistema sanitario xa que o usuario o fai seu e contribúe activamente á súa mellora e sostenibilidade.

CAMBIO ORGANIZATIVO E CULTURAL

O conselleiro dixo que este futuro sistema sanitario de Galicia iniciouse cun cambio organizativo e cultural. Temos moi claro, dixo González Álvarez, que a atención sanitaria que se proporciona debe contar coa garantía dunha calidade obxectiva e cun compromiso de tempos de prestación realistas e posibles, que eludan calquera tentación de utilización partidista, algo que segundo o conselleiro non ocorre na actualidade.

A demora na prestación de servizos é, segundo o titular sanitario galego, a primeira preocupación dos cidadáns e a maior crítica ao sistema. Para tentar dar resposta a este e outros retos debe pasarse da xestión por centros á xestión por procesos, e todo isto nun contexto no que os profesionais se sintan motivados e comprometidos coa organización.

Respecto dos servizos a prestar por parte do sistema, o conselleiro dixo que, no seu nivel básico, a denominada carteira de servizos debe ser común a todo o sistema sanitario e debe definirse no seo do Consello Interterritorial para, deste xeito, garantir a equidade, a solidaridade e a sostenibilidade financeira. A partir de aí, dixo González Álvarez, cada Comunidade Autónoma poderá, en función das súas prioridades e posibilidades, ampliala.

Segundo o conselleiro, un primeiro paso na definición dos servizos é coñecer as necesidades de saúde da poboación e aquí comeza –proseguiu o titular sanitario galego- a participación dos cidadáns xa que, ademais dos instrumentos de medición obxectiva normalizados, pretendemos contar coa súa opinión. Neste senso destacou dous proxectos xa iniciados polo seu departamento como son o Consello Galego de Saúde e a Comisión de Participación Cidadán das áreas sanitarias. Da análise desas necesidades xurdirá o Plan de Saúde que debe orientar todas as accións sanitarias e sociosanitarias que teñan relación cos determinantes de saúde.

Para González Álvarez, a consellería ten tamén que establecer os estándares de calidade e a incorporación ordenada de novas tecnoloxías sanitarias e realizar un seguimento na xestión de listas de espera baseado no compromiso duns tempos de garantía. É necesario –dixo o conselleiro- dispoñer de información veraz que apoie a toma de decisións tanto no nivel estratéxico coma no operativo. Os sistemas e a tecnoloxía de información –proseguiu- son elementos clave para a dirección e consecución de políticas sanitarias e para a mellora de servizos sanitarios. Todas estas funcións deben complementarse –proseguiu- mediante a inspección da xestión entendida como garantía e que se concreta na acreditación dos centros, na aprobación de procedementos prácticos e na inspección dos servizos.

ACTUACIÓNS EN BENEFICIO DO USUARIO E DOS PROFESIONAIS

Respecto do segundo dos eixos do seu modelo, o usuario do sistema, González Álvarez dixo que entre os proxectos que ten diseñados atópase o Plan de Mellora da Accesibilidade na Atención Sanitaria, no que están integrados actuacións tan importantes como a regulación da garantía de tempos máximos de demora e, consecuentemente, a necesaria mellora da xestión das listas de espera; a estensión da cita previa por Internet en atención primaria e a creación dunha central de chamadas. Pero, segundo o conselleiro, si hai algún proxecto estratéxico no marco deste Plan é a creación da área sanitaria única de Ferrol, a primeira en poñerse en marcha na Comunidade.

Para o titular sanitario, entre os obxectivos da creación das áreas sanitarias como estruturas de xestión únicas sitúanse, por unha banda, a responsabilidade integral na continuidade asistencial ao paciente, co conseguinte acercamento da prestación ao cidadán, e, pola outra, a diminución da variabilidade clínica mediante o establecemento de protocolos e guías. Así mesmo, outro dos obxectivos perseguidos é a reducción da duplicidade de probas, procedementos e tratamentos. Ademais de todo o antedito, apóstase pola implantación progresiva da xestión clínica por procesos. Toda esta organización de traballo favorecerá –dixo o responsable sanitario galego- o labor en equipo e a mellor utilización dos recursos e, por conseguinte, unha maior capacidade de xestión. En todo este esquema o conselleiro considera esenciais, por un lado, a estensión da historia clínica informatizada, a través do Proxecto Ianus, que ademáis da xestión da información permitirá a implantación da receita electrónica e, por outro, a ampliación dos servizos de telemedicina.

Respecto do terceiro dos seus eixos, os profesionais, o conselleiro citou entre as súas medidas a carreira profesional sanitaria e o Plan de Urxencias Extrahospitalarias, como claro reflexo do desenvolvemento profesional e da mellora na estabilidade laboral. Tamén citou a pronta resolución da OPE extraordinaria para a consolidación de emprego, o compromiso de realizar ofertas de emprego de xeito períodico, a mellora retributiva das gardas en primaria e especializada ou o II Convenio do Persoal das Fundacións Públicas, a través do que se vai equiparar o salario deste persoal co resto do Sergas e vai permitir a súa estaturización voluntaria nun prazo de tres anos.

INVESTIGACIÓN E PACTO SANITARIO

Non se esqueceu tampouco o conselleiro dos proxectos no campo da investigación, que dixo que se potenciarán reforzando a estrutura que dentro da organización se encarga da súa planificación e xestión, e o que é igualmente importante participando no vindeiro plan de I+D+i de Galicia, previsto para os anos 2006-2010, cun programa sectorial dedicado á investigación en saúde. Por último, e non menos importante neste apartado, González Álvarez destacou a participación dos profesionais a través do Consello Asesor do Sistema Sanitario de Galicia e das Comisións Técnicas Asesoras nas áreas sanitarias.

Para rematar a súa intervención, o conselleiro recordou que ofreceu no Parlamento de Galicia un pacto para a Sanidade, posto que considera que hai temas como as políticas de farmacia, as de persoal, a investigación e, sobre todo, a financiación, que necesitan do apoio de todas as forzas políticas e sociais para que, deste xeito, se materialicen as demandas dos cidadáns.

Gabinete de Comunicación da Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia