Skip to main content

A Consellería de Sanidade conmemora o Día Mundial da Saúde

A Consellería de Sanidade conmemora o Día Mundial da Saúde no que, para este ano, a Organización Mundial da Saúde elixiu, como tema a resaltar, a saúde da nai e do neno baixo o lema: ¡Cada nai e cada neno contarán!. Neste eido, a Dirección Xeral de Saúde Pública do departamento que dirixe José Manuel González Álvarez ten en marcha diversas iniciativas para mellorar a saúde destes dous colectivos (as nais e os nenos). Entre elas pódese citar: o rexistro de mortalidade –que aporta información sobre a situación existente como indicador do resultado do estado de saúde da poboación-; o Programa de Prevención e Control de Enfermidades Inmunoprevenibles; o Programa de Cribaxe Neonatal da Xordeira; o Programa de Cribaxe Neonatal de Enfermidades Endocrinas e Metabólicas e, dentro do Programa de Prevención e Control de Enfermidades non Transmisibles, a promoción da lactancia materna e o Programa de Promoción de Vida sen Tabaco.

TAXAS DE MORTALIDADE

O estudo da evolución das taxas de mortalidade infantil –nenos menores dun ano-, amósanos a gran mellora ocurrida neste tema, nos últimos anos, en Galicia. Esta taxa foi de 4.21 por cada 1.000 nenos nados vivos no ano 2001 (último estudo disponible), fronte aos valores de 8.62 que se rexistraban no ano 1990 o ao 5.53 do ano 1995. As causas máis frecuentes de morte son as anomalías conxénitas e as alteracións perinatais. En canto á mortalidade nos nenos de 1 a 4 anos en Galicia descendeu de modo destacado dende o ano 1976 ata a actualidade. As principais causas de morte neste grupo son as externas (accidentes, caídas, etc), as enfermidades infecciosas, os tumores e as enfermidades do sistema nervioso central.

No que se refire á muller, en canto á mortalidade no embarazo, parto e puerperio non houbo casos nos últimos catro anos e pódese dicir que a taxa de mortalidade é practicamente cero na última década.

PROGRAMAS EN MARCHA DA CONSELLERÍA

Un dos programas de Sanidade no apartado a que se refire o Día Mundial –nais e nenos- é o de Detección da Xordeira en Período Nenonatal, co que se detectan, de xeito precoz, posibles problemas de audición. Xa funciona nos hospitais de A Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Vigo, Santiago e Ferrol, e seguirase estendendo progresivamente ao resto de centros. Os nenos examinados dentro do programa no 2004 foron preto de 13.000.

Respecto das vacinas, na actualidade a nosa Comunidade Autónoma acada as mellores cotas no desenvolvemento de programas de vacinación. Esta óptima situación refórzase coa incorporación no calendario oficial das novas vacinas que se engaden ao arsenal preventivo terapéutico. Deste xeito, os avances na modernización do calendario de vacinación infantil foron numerosos nestes últimos anos.

Entre eses avances pódemos citar a introducción, no ano 1996, da vacinación fronte ás enfermidades invasivas producidas polo haemophilus influenzae (meninxite, sepse, epiglotite, etc.), ou a introducción das vacinas combinadas coas que se inmuniza, cunha soa inxección, fronte á difteria, tétano, tose ferina e hepatite B. Ademais, hai que destacar outras iniciativas de carácter especial como a exitosa campaña de vacinación realizada no ano 97 contra a meninxite C. Dita vacina, na actualidade, xa forma parte do calendario vacinal. En definitiva, a accesibilidade, simplicidade e a seguridade respecto das vacinas, por parte da poboación, están a reflectir unhas altas taxas de cobertura de vacinación na nosa Comunidade Autónoma.

O Programa de Detección de Enfermidades Metabólicas, en marcha dende o ano 1978, facilita unha intervención temperá no caso de incapacidades orixinadas por enfermidades endocrinas e metabólicas graves. Dende o inicio do mesmo o número de nenos analizados, ata a actualidade, supera os 470.000.

Continuando coa serie de programas que Sanidade ten en marcha no tema que aborda o Día Mundial da Saúde, e dentro do seu Programa de Vida sen Tabaco enmarcado na Prevención e Control de Enfermidades non Transmisibles, o departamento que dirixe González Álvarez desenvolveu, no 2004, unha enquisa poboacional de consumo de tabaco en Galicia entre 6.492 persoas.

Un dato a destacar da mesma, en relación ás nais e aos nenos, é que un 45% das mulleres fumadoras abandonaron o hábito durante o embarazo e lactancia, e que observouse un aumento da porcentaxe de mulleres que deixaron de fumar durante o embarazo nos últimos catro anos, respecto á última década, e o mesmo entre as que o deixaron durante os primeiros seis meses de lactancia.

Ademais de todo o antedito, e tamén dentro do Programa de Prevención e Control de Enfermidades Non Transmisibles, a Consellería de Sanidade está a impulsar diversas iniciativas de promoción da lactancia materna dando conta dos seus beneficios, tanto para o neno coma para a nai. Así mesmo, incídese nas técnicas da lactancia.

Neste senso, Sanidade ven de publicar a Guía de apoio para o Programa do Neno San, que, no primeiro dos seus temas tratados, aborda a lactancia materna. Dito documento está dirixido aos pediatras con intención de facilitarlles o labor preventivo e de promoción que realizan estes profesionais, e, neste senso, a lactancia materna supón unha mellor regulación metabólica, maior protección inmunolóxica e menor risco de sensibilidade alérxica, morbilidade infecciosa e mórte súbita.

Sinalar que xa son numerosas as medidas que Sanidade leva realizadas nos últimos anos a prol da potenciación da lactancia materna. Así, este departamento ten asignado, dende o ano 2003, un acordo de cooperación con UNICEF para a promoción, protección e apoio á lactación materna. Outra das estratexias neste senso da Administración sanitaria galega é a información facilitada ás mulleres xestantes, nos centros de saúde e nas consultas de obstetricia, dos beneficios da lactación natural.

Destacar, igualmente, que na antedita Guía de Apoio para o Programa do Neno San abórdase, como outro dos temas destacados, a prevención dos accidentes infantís, tamén coa intención de facilitarlle aos pediatras galegos o seu labor de prevención e promoción da saúde. A idade máis frecuente de consulta hospitalaria urxente por estes motivos é de 2-3 anos, sendo os accidentes máis frecuentes nos nenos (60%) que nas nenas.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia