Skip to main content

Barreiro aposta polo fomento dunha cultura de participación ambiental na sociedade galega

O vicepresidente segundo e conselleiro de Medio Ambiente, Xosé Manuel Barreiro Fernández, salientou a necesidade de fomentar dentro da sociedade galega unha “cultura de participación ambiental cada vez máis intensa”, acadando un compromiso manifesto da cidadanía na defensa e conservación do medio ambiente, e ao mesmo tempo, garantíndolle todas as ferramentas necesarias para canalizar esa implicación ambiental. Barreiro fixo estas declaracións na presentación de Infoambiente Galicia, un servizo de información personalizada ao cidadán que servirá para canalizar todas as consultas medioambientais, e ao mesmo tempo, facilitará a xestión integral dos trámites relacionados co contorno.

As consultas poderán facerse a través do teléfono gratuíto 900 811 811, do fax 900 811 814, no correo electrónico infoambientegalicia@infoambientegalicia.org ou na páxina web www.infoambientegalicia.org. Pódese solicitar información tamén mediante correo ordinario, enviando a carta ao apartado postal 2155 da Coruña.

ACHEGARSE Á CIDADANÍA

Xosé Manuel Barreiro destacou que Infoambiente Galicia se enmarca no obxectivo do seu departamento de “achegarse cada vez máis aos cidadáns”, impulsando unha administración ambiental transparente que conecte coas inquedanzas da sociedade actual, na que a conservación e defensa do medio natural ocupa un lugar cada vez máis importante. Barreiro sinalou como exemplo desta política do seu departamento de achegamento aos cidadáns a transformación dos antigos distritos forestais en distritos ambientais, unha nova realidade que “significa estar máis preto da sociedade galega a través de 19 unidades básicas de xestión”.

Para o vicepresidente segundo, “o compromiso manifesto da poboación galega co contorno debe ser apoiado polas administracións coa posta en marcha dos recursos necesarios que respondan ás súas demandas”. Barreiro sinalou que este novo servizo servirá para que “a información ambiental chegue a toda a cidadanía dunha maneira clara e concisa que provoque no usuario unha maior sensibilización”.

“Infoambiente Galicia facémolo entre todos. Este novo servizo ten que ser un punto de encontro entre os didadáns e a Administración”, concluíu Xosé Manuel Barreiro para salientar a necesidade da participación activa da sociedade na xestión medioambiental da Xunta.

FUNCIONAMENTO

Segundo os datos manexados pola Consellería de Medio Ambiente, este departamento autonómico recibe cada día máis de 150 chamadas para solicitar todo tipo de información ambiental. O novo centro de atención ao cidadán permitirá axilizar a resposta aos usuarios e reforzar o seu compromiso co medio natural. O horario de atención será de luns a venres, de 9 da mañá ata as 9 da noite, podendo prorrogarse no caso de que o servizo así o requira.

A través de Infoambiente Galicia atenderanse as consultas realizadas e tomaranse todos os datos dos solicitantes para a creación dunha ampla base de datos, xa que con cada consulta se fará un perfil do usuario (idade, profesión....) e os motivos da súa solicitude (augas, residuos...).

CONCIENCIACIÓN SOCIAL

Infoambiente Galicia súmase a outras iniciativas promovidas pola Consellería de Medio Ambiente para impulsar unha maior participación activa da sociedade galega na defensa do medio, como por exemplo a Guía Transparente de Medio Ambiente 2005. A finalidade é que os organismos públicos, as pequenas empresas e todos os fogares adopten, no seu día a día, prácticas respectuosas co contorno. Tal e como sinalou Xosé Manuel Barreiro, “a forma de acadar un verdadeiro desenvolvemento sostible é que a sociedade sexa a verdadeira protagonista, e para isto estanse poñendo todos os medios posibles ao seu alcance”.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia