Skip to main content

Santiso Miramontes inaugura o Centro de Referencia e Mostra do Cabalo de Pura Raza Galega

Santiso Miramontes salientou que o mundo da equitación “acapara cada día máis o interese de criadores e afeccionados tendo en conta o papel hexemónico de Galicia a nivel español” xa que “o último censo gandeiro sitúa a nosa comunidade no primeiro lugar de gando cabalar con 11.522 explotacións”.

Este centro pretende garantir a supervivencia do Cabalo de Pura Raza Galega a través dunhas instalacións que contan coas cortes adecuadas para o mantenemento de exemplares e para a presenza destes nas diversas disciplinas épicas.

OBXECTIVOS

Este centro servirá para expor exemplares da raza tanto aos criadores como ao público en xeral e constituirá unha parada pública de sementais particulares tendo en conta a demanda existente de sementais Pura Raza Galega. Ademais o Centro de Referencia e Mostra do Cabalo de PRG, sede da Asociación Pura Raza Cabalo Galego e da Escola Oficial de Xuíces PRG, albergará un Centro de Ensinanzas Ecuestres. Nestas novas instalacións tamén se poderán poñer en marcha programas de escolma e mellora xenética de exemplares, así como estudos e proxectos encamiñados á mellora da raza. Por último o Centro funcionará como lugar de desbrave, doma e posta en práctica de equitación de exemplares destes cabalos.

INSTALACIÓNS

O centro inaugurado está composto por unha zona de descanso para cabalos, un edificio picadeiro, un camiñador exterior e un edificio de oficinas que ten, ente outros habitáculos, un laboratorio, salas de cubricións e extraccións, local de almacenamento de xermoplasma e un museo. A consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural investiu no Centro de Referencia e Mostra do Cabalo de Pura Raza Galega máis de 1.200.000 euros.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural da Xunta de Galicia