Skip to main content

O presidente da Xunta salienta que Galicia é líder indiscutible en turismo termal

O presidente da Xunta de Galicia, Manuel Fraga, destacou en Mondariz Balneario que a comunidade galega é “líder indiscutible” en turismo termal e que debe apostar por “produtos turísticos nos que temos moito que dicir, e que, máis alá do tradicional sol e praia, nos permitirá abrir mercados, segmentando a nosa oferta para diversificar tamén a demanda”. O titular do Goberno autonómico fixo estas declaracións na inauguración do Pazo da Auga do Balneario de Mondariz, unhas instalacións nas que se investiron máis de 4 millóns de euros e que contaron cunha achega de 1,2 millóns de euros por parte da Administración autonómica.

O presidente da Xunta subliñou que Mondariz “é, sen dúbida, a gran referencia do mundo termal galego e un dos balnearios máis senlleiros de Europa”. “Trátase –engadiu Manuel Fraga– dun verdadeiro paraíso para o descanso do corpo e a alma, que se integra nas novas tendencias dunha oferta turística orientada cara a saúde e o relax, que ten no aproveitamento da auga o seu elemento clave”.

PAZO DA AUGA

As novas instalacións inauguradas son un complexo lúdico-termal dunha superficie de 1.800 metros cadrados distribuídos en dous andares.

O elemento central destas instalacións é unha piscina de 300 metros que, entre outras prestacións, conta con camas de auga, cadeiras de hidromasaxe e de burbullas e un corredor contracorrente, así como unha gran lámina de auga en cascada e unha seta de hidromasaxe no centro da piscina. Unidas a esta piscina central dispóñense outras dúas, ás que se suman 3 minipiscinas situadas no mesmo andar.

No segundo andar estarán situadas as saunas, unha piscina de auga fría, e un espazo para os nenos, con piscina e xogos adecuados para eles. Complétase este andar cunha zona na que se servirán zumes naturais variados. No exterior poderase desfrutar doutra pequena piscina de auga quente e unha sauna seca.

INTERVENCIÓN DO PRESIDENTE DA XUNTA DE GALICIA NA INAUGURACIÓN DO PAZO DA AUGA, DO BALNEARIO DE MONDARIZ

- “Mondariz é, sen dúbida, a gran referencia do mundo termal galego e un dos balnearios máis senlleiros de Europa. (...) Trátase dun verdadeiro paraíso para o descanso do corpo e a alma, que se integra nas novas tendencias dunha oferta turística orientada cara a saúde e o relax, que ten no aproveitamento da auga o seu elemento clave”.

- “Non é casualidade que desde a Xunta de Galicia tomasemos este ano a auga como idea forza da promoción turística da nosa Comunidade. Auga termal, como esta de Mondariz, que nos posiciona como líderes indiscutibles do segmento dentro de España, auga de río e auga de mar”.

- “Deste xeito, reafirmamos a nosa aposta por produtos turísticos nos que temos moito que dicir e que, máis alá do tradicional sol e praia –que segue tendo a súa importancia–, nos permitirá abrir mercados segmentando a nosa oferta para diversificar tamén a demanda”.

FICHA TÉCNICA:

Obra: O Pazo da Auga do Balneario de Mondariz é un complexo termal-lúdico que consta de dous andares e unha superficie total de 1.800 metros cadrados. No baixo, o elemento central é unha piscina de 300 metros, con camas de auga, cadeiras de hidromasaxe e de burbullas, pescozos de cisne, túnel de chorros e corredor contracorrente... e cunha gran lámina de auga en cascada e unha seta de hidromasaxe no centro da piscina, que terá outras dúas piscinas máis unidas a ela. Neste mesmo andar e haberá 3 minipiscinas. No segundo andar estarán situadas as saunas, unha piscina de auga fría, e un espazo para os nenos, con piscina e xogos adecuados para eles. Complétase este andar cunha zona na que se servirán zumes naturais variados. No exterior poderase desfrutar doutra pequena piscina de auga quente e unha sauna seca.

Orzamento: 4.198.000 €, dos cales a Xunta de Galicia achegou 1.259.420 €.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia