Skip to main content

Sanidade reforza as medidas de prevención fronte á covid-19 na Mariña lucense para protexer a saúde da poboación

Almuiña sinalou que a maior progresión deste brote vincúlase a situacións de ocio, especialmente en varios bares da zona e, con todas as cautelas que temos que ter, -dixo o conselleiro-, neste momento parece que a progresión está acoutada na zona da Mariña. De feito, no resto de Galicia a tendencia segue a ser positiva, con ningún paciente ingresado nas Unidades de Coidados Intensivos e co número total de contaxios que segue a descender.

A situación na actualidade indica que a infección segue a progresar e, das máis de 2.000 PCRs realizadas, detectáronse un total de 106 positivos, dos que 7 xa están curados, co que os activos son agora 99. Afortunadamente, sen unha repercusión notable polo que respecta á asistencia sanitaria, xa que non hai ningún paciente en unidades de críticos.

Tamén remarcou o conselleiro que de momento non hai incidencias nun dos puntos máis vulnerables da pandemia, e todas as residencias de maiores están libres da covid.

Incidiu Almuiña que a maioría dos casos son asintomáticos ou con manifestacións clínicas leves.

Novas normas

As novas normas que Sanidade establece para a poboación dos concellos do distrito sanitario da Mariña: Alfoz, Barreiros, Burela, Cervo, Foz, Lourenzá, Mondoñedo, Ourol, Ribadeo, Trabada, O Valadouro, O Vicedo, Viveiro e Xove, xa foron comunicadas por Sanidade aos alcaldes e, hoxe mesmo, o conselleiro vai ter unha videoconferencia con todos eles para poñer en común estas medidas e responder ás dúbidas que teñan.

Almuiña agradecéulles aos alcaldes de antemán a súa colaboración para traballar en coordinación na aplicación destas medidas desde a responsabilidade conxunta de todas as administracións.

Tal e como anunciou o conselleiro, o que decidiu o seu departamento é restrinxir a mobilidade dentro do distrito sanitario. Se recomenda restrinxir a mobilidade ao concello de residencia, quedando exceptuados, loxicamente, ademais de motivos laborais ou similares, a circulación meramente de tránsito, que non teña inicio nin finalización neses concellos.

Ademais, o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, vén de comunicar esta decisión ao delegado do Goberno e solicitar a colaboración das Forzas e Corpos de Seguridade.

O titular da sanidade pùblica galega dixo que conta coa colaboración de toda a cidadanía da Mariña e do conxunto das galegas e galegos, e dos resto dos españois, como así o demostraron dende que en marzo comezar a pandemia.

Tamén remarcou o conselleiro que velarase porque as medidas de prevención se cumpran con máis intensidade aínda, e as máscaras serán obrigatorias, especialmente no sector da hostelería.

Xunto coas medidas anteriores, o conselleiro anunciou que Sanidade reduce o aforo nos bares e centros de ocio ao 50%, e solicita que o cumprimento dos horarios de apertura e peche se cumpra de forma escrupulosa.

Ademais, establécese un máximo para grupos de persoas non convivintes de 10 e establécense uns límites xerais de 60 persoas para actividades en espazos pechados e 150 ao aire libre

Avaliación diaria

Este conxunto de medidas serán avaliadas de xeito permanente, dia a día, -dixo o conselleiro-, e, por suposto, aliviaranse en función da evolución epidemiolóxica. Para que as restricións se prolonguen o menor tempo posible, o titular da carteira sanitaria pediu a colaboración de toda a cidadanía.

Almuiña fixo fincapé en dúas reflexións que considerou relevante trasladarllas á veciñanza da Mariña. En primeiro lugar, que moitos dos infectados sexan mozos e mozas e a maioría asintomáticos é positivo para eles porque, en xeral, a superación da enfermidade producirase sen grandes problemas, pero este feito dificulta o control, por iso é necesario ser extraordiriamente rigorosos no cumprimento das medidas de prevención.

A segunda reflexión que o conselleiro quixo trasladar é a solicitude a todos para que colaboren coas autoridades sanitarias na identificación de contactos. Por suposto, remarcou Almuiña, o segredo profesional está garantido en todo caso. O conselleiro sinalou que coa implicación institucional e a colaboración da cidadanía, seremos capaces de afrontar este brote e os que se poidan producir.
Consellería de Sanidade