Skip to main content

A canteira do cine lugués cítase na gala do V Findecurta

O xurado encargado de fallar o certame coordinado por Bruno Maez e incluído na programación artellada ao abeiro do convenio Lugo Cultural, que recibe financiamento da USC, Concello e Deputación Provincial de Lugo, un tribunal formado polos actores Xoán Fórneas e Alba Loureiro, que destacaron a calidade de todos os traballos cinematográficos realizados entre o 26 e o 29 de xullo e presentados a concurso.

Unha vez rematada a proxección das sete curtas completadas durante a última edición do maratón audiovisual Findecurta e logo de que as preto de 200 persoas que se deron cita na gala emitiran tamén os seus respectivos votos para determinar a curta gañadora do premio do público, o xurado deu a coñecer o seu fallo. Así, Xoán Fórneas, que se sumou á gala desde Madrid, anuncio que o premio do xurado do V Findecurta recaeu na curta ‘Anhelo’. Coa súa decisión, o xurado pretende premiar a idea desta curtametraxe, a´sic omo a súa dirección e montaxe, a secuencia do reto a reto, a dirección fotográfica e o espazo sonoro no que se desenvolve.

A concelleira de Cultura do Concello de Lugo e deputada provincial delegada da mesma área, Tareixa Antía Ferreiro, foi a encargada de entregar este galardón, dotado cunha gratificación en metálico de 500 euros, ademais da posibilidade de proxectar esta curta no marco da próxima edición da Semana Internacional de Cine de Autor.

O premio do público recaeu na curtametraxe ‘Asasinas cívicas’, unha curta, da que o xurado tamén destacou a súa idea orixinal e que tamén competirá polo Premio do Público á Mellor Curtametraxe Galega na próxima edición da Semana Internacional de Cine de Autor que cada ano promove na capital luguesa o grupo cinematográfico Fonmiñá. O adxunto á Vicerreitoría de Coordinación do Campus de Lugo para Estudantes, Internacionalización, Cultura e Servizos, Jesús Varela Zapata, entregou este galardón ás actrices da curta ‘Asasinas Cívicas’

Vista a calidade das propostas cinematográficas presentadas a concurso no V Findecurta, un certame desenvolvido en condicións excepcionais, o xurado tamén acordou conceder dúas mencións especiais ás curtas ‘Tempo relativo’, da que destacou a súa montaxe, a dirección artística e de fotografía e o vestiario; e ‘Entre Lusca e Fusca’, unha peza na que chama a atención a brillante interpretación feita por Lucía Agruñá. A propia Alba Loureiro e Manuel Curiel, do grupo Fonmiñá, foron os encargados de entregar as mencións honoríficas aos autores das curtas distinguidas.

O atrevemento de traballar en animación foi un dos aspectos máis valorados da curta ‘Hada e Santa’, da que o xurado tamén valorou a idea orixinal na actual conxuntura social. Xoán Fórneas e Alba Loureiro tamén tiveron palabras de eloxio para os autores das curtas ‘Agora ou nunca’, da que destacaron o descaro interpretativo, e ‘Andarela’, unha historia que permite ao espectador apreciar o afán por mesturar comedia e drama.
Universidade de Santiago de Compostela