Skip to main content

A Xunta abriu o proceso para a creación do Centro Tecnolóxico de Apoio ó Sector Lácteo

O vicepresidente segundo e conselleiro de Medio Ambiente, Xosé Manuel Barreiro, e mailos titulares de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural, José Antonio Santiso Miramontes, e de Innovación, Industria e Comercio, Juan Rodríguez Yuste, veñen de establecer o calendario de actuacións de cara a impulsar a posta en marcha do Centro Tecnolóxico de apoio ó Sector Lácteo Galego.

Dito Centro, que estará ubicado en Lugo, terá como obxectivo principal deseñar e xestionar liñas de actuación en materia de investigación, desenvolvemento e innovación tecnológica (I+D+i) que favorezan o avance do sector lácteo en Galicia e propicien a mellora da súa competitividade no eido nacional e internacional.

Trala presentación, -hai un mes-, do estudo de viabilidade que recomenda a creación deste Centro, abrirase agora unha rolda de encontros cos empresarios do sector lácteo, que serán os potenciais usuarios do mesmo. Estas reunións teñen como obxecto recabar o compromiso das empresas co futuro Centro Lácteo, e a súa participación na xestión do mesmo.

Asemade, xunto coa Universidade de Santiago, estudiarase a viabilidade da integración plena da Aula de Productos Lácteos -que actualmente depende do Instituto de Investigación e Análises Alimentarios da Universidade-, no Centro Tecnolóxico. Outra actuación é elaboración dos estatutos polos que se rexerá a Fundación que estará á fronte do Centro Tecnolóxico.

Doutra banda, as devanditas Consellerías xunto coa Universidade, os empresarios do sector e outros posibles patronos da mencionada Fundación, deseñarán o plan de negocio para este Centro a medio prazo, un plan que permitirá aproveitar ó máximo os servizos da futura instalación láctea.

O obxectivo inicial a curto prazo é potenciar o Centro Tecnolóxico Lácteo sen prexuizo de que, a medio prazo, se dean os pasos pertinentes de cara á integración e coordenación con outros instrumentos tecnolóxicos co fin de gañar en eficiencia no apoio ó sector.

A decisión de crear este Centro radica en que a produción de lácteos e derivados é unha actividade que mantén unha liña ascendente e, ó mesmo tempo, está a ter lugar un redimensionamento e unha mellora do equipamento das explotacións lácteas. Esta situación motiva o apoio decidido da Xunta de Galicia ó sector, para consolidar as melloras que está realizando en produción e comercialización.

A elección de Lugo como sede do Centro Tecnolóxico responde ó papel de liderato que históricamente exerceu esta provincia, que concentra a metade da produción láctea de Galicia.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia