Skip to main content

Manuel Fraga cualifica de paralización grave e desprezo por Galicia a deslicitación de dous tramos do Ave Santiago-Ourense

O presidente da Xunta de Galicia, Manuel Fraga, cualificou de “paralización grave” e “desprezo por Galicia” a actitude do Ministerio de Fomento coa deslicitación de dous tramos do AVE Santiago-Ourense. Manuel Fraga, que fixo estas declaracións na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta, subliñou que nesta ocasión non só se paraliza a licitación de obras, como aconteceu en outros tramos, senón que se chega á “deslicitación de obras xa outorgadas por importe de 125 millóns de euros”.

Neste sentido, o presidente da Xunta indicou que “estamos ante unha paralización grave do Plan Galicia, unha deslicitación de obras xa outorgadas por importe de 125 millóns de euros, que xunto cos 206 millóns de euros deslicitados nos tramos de Lalín (Baxán)-Lalín (Anzo) e Lalín (Anzo)-Silleda (Carboeiro), fan un total de 332 millóns de euros que nos rouban e que van a outro sitio”.

Trátase, a xuízo de Manuel Fraga, dunha mostra máis de “desprezo por Galicia” por parte dun ministerio que “non asume compromisos”. Na mesma liña, Manuel Fraga referiuse ás 39 alegacións presentadas pola Xunta de Galicia ao Plan Estratéxico de Infraestruturas do Estado, que non considera prioritarias 11 das 15 obras do Plan Galicia que lle corresponderían ao Estado. Neste sentido, o PEIT non considera prioritarias as obras de ningún porto galego, nin 4 das 6 autovías do Plan Galicia, nin 6 das 8 liñas do AVE. “É –subliñou Fraga– unha vergonza, que afecta moi especialmente ao señor Touriño e ao señor Rego, que se empeñan en criticar as alegacións da Xunta en defensa do noso querido país”.

O presidente da Xunta reiterou que, desde o Goberno galego “non vamos renunciar a nada e vamos a continuar a loita ata conseguir que o que é noso no lo devolvan”.

SECRETARIO DE ESTADO DE INFRAESTRUTURAS

Manuel Fraga referiuse tamén, en resposta ás preguntas dos xornalistas, á dimisión do secretario de Estado de Infraestruturas que, segundo indicou, é unha mostra máis de que non só é a Xunta a que considera inapropiado o trato que Galicia está a recibir por parte do Ministerio de Fomento. Nesta liña indicou que Antonio Monfort dimitiu “ante a arbitrariedade, ante a lentidude, ante o desprezo” que se percibe nas actuacións do citado ministerio.

O titular da Xunta asegurou que “nunca houbo un ministerio que actuase desta maneira” e mostrouse convencido de que o pobo galego saberá “dar a resposta que corresponde”.


Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia