Skip to main content

'A utilización da máscara en todas as situacións, na medida en que visibiliza a pandemia, axuda a controlala'

“A utilización da máscara en todas as situacións, na medida en que visibiliza a pandemia, axuda a controlala”, afirma Caamaño Isorna.

Locais de ocio

Sacar a máscara facial só no intre mesmo de consumir é unha das novidades que acaba de incorporarse á vida cotiá na comunidade galega. “Debemos sacala puntualmente para consumir, pero mantela posta mentres charlamos ou participamos da conversación”, matiza Caamaño, “é fundamental que cambiemos o noso xeito de relacionarmos, non se nos pide nada imposible”, continúa. Para este profesor da USC, “o determinante é a actitude social” e subliña o importante que resulta reparar no ocio nocturno. “Hai un problema grave co ocio nocturno, tendo a crer que é incompatible coa situación epidemiolóxica actual”, explica.

Praias

A obrigatoriedade do uso da máscara facial nos areais, podendo só prescindir dela á hora de tomar o sol ou no intre mesmo do baño, é outra das máis recentes novidades en Galicia. “Cando esteamos deitados na area co noso grupo de convivintes debemos manternos a dous metros de outros grupos. Sempre que paseemos ou recibamos a alguén no noso grupo debemos poñer a máscara”, sinala Caamaño. O profesor da USC destaca que “debemos procurar minimizar o contacto estreito con non convivintes, como en calquera outra situación nesta nova normalidade”.

Transmisión

Nas últimas semanas, diversos especialistas apuntan cara a unha posible transmisión do virus polo aire. “É unha cuestión semántica. A principal vía de transmisión son as gotas, pode haber unha transmisión por aire oportunista ou por aerosois en contextos moi específicos”, matiza Caamaño. “O problema é que se falamos de transmisión por aire a maior parte da xente pensará na tuberculose, o sarampelo ou a varicela e a transmisión da COVID-19 esta moi lonxe dese mecanismo”, engade. “Probablemente en Galicia neste momento non hai transmisión comunitaria. En calquera caso, debemos estar alerta xa que a situación pode cambiar en calquera momento”, conclúe o epidemiólogo.
Universidade de Santiago de Compostela