Skip to main content

A Ciencia, con Galicia na crise da Covid-19

A sesión contou coa participación dos reitores de Santiago e A Coruña, a conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional e a vicerreitora de Investigación de Vigo.

Os proxectos encadráronse en seis diferentes áreas. Na primeira, na que se procura unha detección precoz da infección mediante a análise das augas residuais, realízanse os proxectos liderados por Margarita Poza, Claudio Cameselle, Jesús Lopez Romalde e Juan M. Lema. Os proxectos profundan na avaliación da carga de material xenético do virus nas depuradoras de augas e nos colectores municipais dun total de 20 cidades e vilas de Galicia.

Mediante a modelización matemática, nos proxectos de Iván Area, Jorge Mira, Ángel Miramontes e Ricardo Cao preténdese determinar o impacto futuro da infección baixo diferentes supostos e analizar a súa distribución xeográfica. Os modelos resultan de grande interese á hora de valorar o impacto potencial de diferentes medidas preventivas que se podan tomar.

Na terceira área, orientada a novas vacinas, presentáronse os proxectos dirixidos por María José Alonso, que busca unha estratexia mellorada para a dosificación da vacina mediante nanotecnoloxía, e por Javier Montenegro e José M. Martinez Costas que aplican conceptos orixinais para desenvolver vacinas fronte ó SARS-Cov2.

O traballo de Ángel Carracedo, encadrado na área de ‘Biomedicina’ pretende encontrar determinantes xenéticos de risco e biomarcadores xenómicos de resposta, mentres que o de David Posada avalía a modificación xenética do virus ao longo do tempo. Por outra banda, Federico Mallo realiza un ensaio clínico para o tratamento da pneumonía provocada polo virus.

Para mellorar a eficiencia, precisión e rapidez dos procesos de diagnose de persoas infectadas pola covid-19 o traballo de Jorge Pérez Juste propón metodoloxías innovadoras para novos procedementos de detección e os de Jacobo Porteiro e Marcos Ortega desenvolven sistemas baseados en intelixencia artificial para axilizar as análises, clasificar mellor os pacientes, estimando a súa gravidade e predicindo a súa evolución.

Finalmente no bloque destinado á desactivación do virus, Juan M. Garrido explicou o desenvolvemento do procedemento e a produción de 20.000 botellas de hidroxel para o Sergas, Fermín Navarrina, sobre a destrución da la cápside do virus mediante resonancia e Higinio González presentou un sistema de desinfección mediante dispersión de líquidos e sistemas aéreos non tripulados.

O reitor da USC, Antonio López, agradeceu en nome das tres Universidades o esforzo colectivo da comunidade investigadora para traballar, baixo unha gran presión e en condicións moi difíciles, tratando de poñer en valor a ciencia como resposta ás demandas da sociedade. Pola súa banda, o presidente da RAGC, Juan M. Lema Rodicio subliñou que “A Ciencia Galega soubo estar á altura das circunstancias, respondendo cun gran dinamismo e ilusión, fronte a crise e amosando unha extraordinaria vocación de servizo á Sociedade, o que demostra unha vez mais a necesidade de manter un tecido científico de calidade”.

Finalmente, a conselleira Carmen Pomar puxo de relevo os resultados das políticas do goberno galego para o financiamento de grupos, agrupacións estratéxicas e centros de investigación universitaria en Galicia e en aproveitar o momento de prestixio social cara á ciencia para conseguir un recoñecemento ao labor silencioso do persoal investigador.
Universidade de Santiago de Compostela